Un novo número até o 5 de abril

Sermos Galiza sae máis unha semana á rúa. Neste número, cunha entrevista en profundidade ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. Mais tamén, falamos da quita imposta polo Partido Popular @s afectad@s polo calote das preferentes e do resgate a Chipre, un novo corralito.

Nas primeiras páxinas, unha extensa reportaxe achéganos ao drama das participacións preferentes e subordinadas nunha semana chave para @s afectad@s.  Os gobernos da Xunta e de Madrid imporanlles ás vítimas deste fraude unha quita de até o 55% dos seus aforros. Un corralito efectivizado fronte a outro que procurou selo. Nas páxinas de internacional Sermos Galiza afonda na xogada levada a cabo pola Unión Europea en Chipre nunha operación xeoestratéxica rexeitada polo Parlamento chipriota. A crise aberta e as súas posíbeis solucións neste número 40. 

En política abordamos a ofensiva lanzada polo Partido Popular contra o modelo urbanístico de Pontevedra. O que @s populares catalogan de "obsoleto" é un proxecto de cidade sustentábel premiado internacionalmente que pula pola calidade de vida da veciñanza e a posta en valor da riqueza da contorna. Na sección de cultura falamos con Begoña Camaño sobre a súa última obra Morgana en Esmelle galardoada co premio Ánxel Casal á mellor obra de ficción do 2012. 
Aliás, as consecuencias do desmantelamento sanitario no rural,  o repagamento dos comedores escolares e os froitos recollidos pola Asociación galega de fútbol gaélico enchen as 32 páxinas deste novo número do Sermos Galiza. 

Comentarios