Traxedia de Angrois: unha deputada do PP de Madrid pide cesamentos e critica a ministra de Fomento

Ía no comboio sinistrado. Resultou ferida. É deputada do PP, na Asemblea de Madrid. Non entende por que a estas alturas aínda non foron cesados nen os presidentes de Adif nen o de Renfe. E á ministra Pastor repróchalle non ter revisado, para a súa reforma, o deseño da liña Ourense-Santiago que recibiu en herdanza de José Blanco.

foto deputada PP Angrois
photo_camera foto deputada PP Angrois

María Teresa Gómez-Limón Amador é unha das vítimas da traxedia de Angrois. É tamén un cuadro do PP, en concreto deputada polo partido conservador na Asemblea de Madrid. Áchase convalenciente das feridas: pé e esternón fracturados, as cervicais tocadas... En declaracións a El País, di non entender como a estas alturas non están aínda cesados nen os presidentes de Renfe nen o de Adif (esta semana, o xuíz Luis Aláez ditou un auto imputando aos técnicos de seguranza do Adif).

Tamén dirixe os seus míseis dialécticos á ministra Ana Pastor, da que di que debe estar para algo máis do que para se facer unha foto.

O reproche con máis carga de profundidade que arrebola á ministra ten a ver co feito de que non mudou o deseño da vía que lle deixou en herdanza o anterior titular de Fomento, José Blanco (PSOE). Gómez-Limón Amador di que o trazado "se inaugurou con moitas deficiencias e con moita présa por cortar a fita porque había eleccións".

A deputada do PP di que o trazado se inaugurou "con moita présa" porque había eleccións e acusa a Pastor de non reformalo

Non entende por que Fomento puxo balizas de seguranza antes da curva da Grandeira (que poderían ter freado a máquina e evitado a catástrofe) tres días despois da traxedia e non tres días antes. "Tres días despois do accidente colocaron sinais, e por que non tres días antes para evitar unha catástrofe?”, pergúntase.

Ve clarísima a responsabilidade política dos presidentes de Renfe e Adif e di que sobre a penal xa se pronunciará o xuíz no seu momento. "En calquer outro país, estes señores estarían xa cesados ao día seguinte por neglixencia", di. A deputada engade que "cobran un soldo impresionante pola súa alta responsabilidade. Ese salario non é só para cobrar, é tamén para exercer". [Nunha entrevista anterior, concedida ao Diario de Ferrol, a deputada referiuse aos presidentes destas empresas estatais como "terroristas", polas súas responsabilidades na traxedia].

Foi un veciño de Angrois, do que lembra perfeitamente o nome, "Alberto", quen a resgatou entre os ferros machucados da máquina sinistrada. Ten emocionadas palabras de agradecimento para el. "Estivo comigo falándome, suxeitándome a cabeza, até que chegaron os da ambulancia".

A deputada do PP anuncia que exercerá os seus dereitos cidadáns e presentará unha demanda a título individual para exixir responsabilidades.

Comentarios