Sindicatos apoian o indulto a David Reboredo

CIG, CCOO e UGT apoian publicamente a iniciativa para reclamar o indulto para o veciño do barrio do Calvario. Exixen a súa liberdade e denuncian "a laxitude dos tribunais contra casos de corrupción e outros delitos graves"
Rolda Prensa Indulto David Reboredo


As unións comarcais de Vigo da CIG, CCOO e UGT trasladaron publicamente o "pleno apoio á petición de indulto para o cidadán David Reboredo". Para os sindicatos este caso "pon en evidencia a aplicación desigual da xustiza" posto que "contrasta a dureza das condenas contra unha persoa que naquela altura estaba enferma, coa laxitude dos tribunais contra casos de corrupción e outros delitos graves". Denuncian que "ao tempo que si se lle concede a banqueiros e políticos corruptos ou a policías condenados por torturas, amosa nula sensibilidade social e a ausencia de proporcionalidade no castigo".

Os sindicatos entenden que "o obxectivo de reinserción e reeducación que segundo o ordenamento legal vixente perseguen as penas de cadea, a permanencia de David Reboredo en prisión supón un acto de inxustiza que ademais tronza as súas posibilidades de retomar a súa vida libre de adicción" polo que exixen ao Goberno español "que acorde o indulto que permitirá a súa saída en liberdade".

A petición de indulto para este veciño do calvario tivo até agora moitos apoios. O Concello de Vigo aprobou en decembro por unanimidade unha moción presentada polo BNG na que solicitaba outra petición de indulto no suposto de que as que xa lle foron enviadas ao Executivo español e a El-Rei viñesen denegadas.

Campaña de sinaturas

O pai de David Reboredo ten na rede unha campaña de sinaturas nas que solicita o indulto para o seu fillo. "O meu fillo entrou no cárcere. Dúas apelinas teñen a culpa. Agora que David conseguiu vencer á droga, unha sentenza que chega tarde obrígao a entrar no cárcere da Lama, en Pontevedra. O Goberno indultou a catro Mossos d´Esquadra condenados por tortura en Barcelona. É iso Xustiza?" afirma ao comezo da petición.

O texto da petición aberto en Change.org remata dicindo "non se pode enterrar así a un mozo que conseguiu vencer ás drogas: esta sentenza non deixará refacer a súa vida ao meu fillo por un erro que cometeu hai 6 anos". A campaña continúa na rede e polo de agora conseguiu máis de 148.700 apoios.

Comentarios