Samuel Juárez sostén que o BNG ''ten faccións que están fóra do ámbito democrático''

Nunha ampla entrevista publicada polo xornal conservador ABC -claramente aliñado con Rajoy na guerra fratricida que se vive na direita-, o delegado do Goberno español na Galiza cébase non só co Bloque senón co conxunto dos colectivos nacionalistas e independentistas que están a tecer estratexias en común. No concreto, afirma que, se se deren os supostos contemplados na Lei de Partidos, o goberno instaría a ilegalización de AMI e Causa Galiza.


"Co do terrorismo toqueilles un tema que lles resulta molesto porque eles [o Bloque] teñen faccións fóra do ámbito democrático e forceinos a se retrataren". Foi o que declarou o delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, durante unha entrevista concedida ao xornal monárquico ABC en que se despacha a pracer non só co BNG senón co conxunto de forzas nacionalistas e independentistas que están a tecer alianzas en prol da soberanía para o noso País.

No concreto, e malia que non hai aínda sentenza ningunha en que se especifique que na Galiza opera unha organización terrorista nin, por tanto, ningunha resolución xudicial que corrobore a existencia de Resistencia Galega, Juárez adiántase para afirmar que RG "é a única organización terrorista activa de España".

Vai máis aló e fala de Causa Galiza e AMI como ilegalizábeis: ao lle preguntar polo organigrama realizado polo propio ABC en que colocaba estas dúas organizacións na órbita de 'Resistencia Galega', Juárez responde que "se se dan os supostos, o Goberno actuará en consecuencia, sen dúbida" porque a Lei de Partidos "é moi clara". 

Malia o seu cargo, non sabe nada dos informes policiais sobre o BNG

Tamén falou, e non dixo ren, sobre os informes policiais publicado polo diario El Mundo en que se alertaba da "batasunización" do BNG por ter mudado a súa liña política procurando, di o rotativo, "un punto máis de velocidade ás súas reivindicacións secesionistas". 

"Non o coñezo, polo que non podo avalalo nin desmentilo", dixo Samuel Juárez, deixando claro que non coñece das investigacións que realizan nin a policía nin os servizos de intelixencia do Goberno ao que representa na Galiza (e que en teoría el coordena).

Apoiar as palabras de Ximena González sobre Otegi, ''fóra do tolerábel''

Houbo tamén palabras para a concelleira do BNG en Ourense Ximena González, quen manifestou durante un pleno a súa solidariedade con Arnaldo Otegi, "preso por defender a liberdade do seu país". Juárez, que ten unha opinión diferente sobre o dirixente da esquerda abertzale ("é un secuestrador e un terrorista confeso") considera "fóra do tolerábel" que o Bloque avalase as palabras de González. 

E seguiu co BNG. A seguinte pregunta, sobre a súa relación co voceiro parlamentar da formación frontista, Francisco Jorquera. "Non teño ningún problema co señor Jorquera. Figuraba entre un grupo de persoas e foi denunciado pola súa actitude violenta durante unha protesta ilegal na rúa, 'en La Coruña'", sinalou.

Non fixo referencia ningunha ás cargas policiais que se produciron aquel día, o 11 de febreiro, e que no seu momento negou e definiu como "a oposición da forza dos corpos da policía contra outros corpos". 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

Máis en Galiza
comentarios