Unha ollada AFondo sobre o derrubo do ensino universitario

Publicamos un caderno monográfico verbo da situación das universidades galegas. Coordenado por Alba Nogueira, analisa os ataques á autonomía, ao financiamento, ao persoal e ao estudantado da universidade galega. O A Fondo fai parte do número 68 do Sermos Galiza en papel e tamén o disponibilizamos, para a súa venda por separado, através da nosa loxa. Colaboran neste caderno Antonio Pérez Casas, Xosé Manuel Cid, Xosé Antonio Rubal, Carlos Amoedo e Xavier Vence.

Dibujo

Coordenado por Alba Nogueira, profesora universitaria e presidenta da Xunta de PDI da USC, presentámosvos un AFondo arredor do derrubo do ensino superior en Galiza. Unha universidade que comeza novo curso vivendo as súas horas máis baixas por mor dos sucesivos ataques contra a súa autonomía, sistema de financiamento e mesmo, sobre todo, contra o seu capital humano: docente, investigador e estudantil. 

A través deste caderno monográfico facemos un bosquexo da situación actual do sistema universitario galego e facémolo da man daquelas persoas que o coñecen de perto. Desvendamos cais están a ser as pancadas letais que deixan as universidades do país sen financiamento mais tamén como as débedas contraídas imposibilitan destinar o aforro á mellora da calidade do ensino. 

Asemade, avaliamos as primeiras consecuencias da implantación do Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES), máis coñecido como Plan Boloña.

Entrevista ao reitor Armesto

Da man de Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña, afondamos nos problemas que atinxen o sistema universitario galego e as principais denuncias que desde as reitorías se fan das decisións políticas da Xunta. Este reitor ten claro que a perda de autonomía das entidades deixa pouca marxe de manobra para reverter a situación. 

Mais tamén nos achegamos á universidade 2.0 e como as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) abren ás portas á que poderiamos cualificar como universidade de masas neoliberal. 

A situación do profesorado --cada vez con menos dereitos-- e da investigación, completan esta ollada AFondo arredor dun sistema universitario que comeza o curso baixo a sombra dos conflitos. 

O caderno conta coas achegas de Antonio Pérez Casas, membro do consello de goberno e consello social da USC; Xosé Manuel Cid Fernández, vogal do Consello Galego de Universidades; Xosé António Rubal, persoal de Administración e Servizos da USC; Carlos Amoedo, secretario xeral da Universidade da Coruña; e Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC.

Comentarios