Unha ollada AFondo ao teatro na Galiza

Sermos Galiza publica un caderno monográfico arredor da situación que atravesan as artes escénicas. Non corren bos tempos para o teatro mais as táboas resisten. Podes mercalo xa na nosa loxa. 

Capa_A_Fondo_SG83

Esta é unha historia de loita pola supervivencia. Non corren bos tempos para as artes escénicas na Galiza. Nunca os houbo, aseguran desde o sector. Porén, desta volta a precariedade é alarmante. Do teatro aos títeres, do profesional ao afeccionado ou á maxia, pasando polo teatro para adult@s ou para crianzas. Esta semana, Sermos Galiza bota unha ollada a fondo arredor do teatro como espazo de resistencia. 

Coordenado pola xornalista Lara Rozados, presentamos un caderno monográfico sobre teatro e para iso botamos man de representantes do sector, profesionais e amadores que nos debuxan un panorama marcado pola loita a prol dun sector que malia a crise, non perde o espírito crítico nen a creatividade. 

Profesionais e amadores do teatro descríbennos a situación que atravesan as artes escénicas do país

Un milagre. Así o describe Santiago Cortegoso. Este dramaturgo, integrante de Ibuprofeno Teatro, afirma con rotundidade que nos atopamos perante "unha inminente desaparición do teatro como profesión se non se atopa un remedio urxente". Cortegoso lémbrase no seu artigo de opinión da figura que centrou o pasado ano o Día das Letras para apuntar que o temos "tan difícil" como daquela o tivo Vidal Bolaño. 

E malia a "boa masa" que di Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, ten o noso país non atopamos o lévedo co que faga fermentar o teatro galego. "No gremio hai moito moito talento", sinala, porén, "seguimos nese paletismo que só recoñece o talento cando chega de fóra". 

A pedra de Sísifo do teatro
Algo semellante á pedra que Sísifo se afanaba en empurrar montaña enriba, apunta a actriz e dramaturga Paula Carballeira, a realidade das artes escénicas semella ter imposto un castigo para que aquel que procure sacalas do inframundo non consiga percorrer ese último treito.

Desde o sector as voces críticas érguense contra decisións gobernamentais como a suba do IVE cultural como un dos principais problemas que atinxen o sector

Eis onde se insire o papel da administración que, fóra de cumprir co seu labor de promoción e difusión do teatro, goberna de maneira contraria aos intereses do sector. Neste senso, o director da MIT de Ribadavia, Roberto Pascual, coida que "a caída dos investimentos públicos e a suba do IVE [do 8% ao 21%] son dous dos factores que máis teñen danado o sector". 

Malia todo, esta era unha historia de supervivencia. Como a de Anxo García, impulsor de Títeres Viravolta en Lalín. Anxo está certo de que embora as artes escénicas estaren "nun momento bastante 'chungo'" se comparamos con anos pasados, aqueles en que "o teatro de títeres parecía o irmán pequeno do teatro, isto mellorou"; e moitas foron as iniciativas que continúan adiante face as adversidades. Grupos de teatro amador, representacións teatrais, obras... manteñen vivo un sector nun país con talento a esgalla. 

Fáite con este número por só 0,50€ na nosa loxa

Comentarios