O negocio da sanidade e os recortes na saúde pública A Fondo

O Caderno de Análise A Fondo do semanario Sermos Galiza achéganos á ofensiva neoliberal que coa escusa da crise económica está a aplicar recortes e privatizacións na sanidade. 

A Fondo Sanidade
photo_camera A Fondo Sanidade

Coordinado polo médico da sanidade pública, Francisco Vázquez Vizoso, o A Fondo adéntrase na situación da sanidade pública diante da vaga de recortes de dereitos sociais. Na súa presentación, Vizoso desmonta as falacias arredor do sector público da saúde, entre elas, a da mentira de que existe un exceso de empregados e empregadas públicas no Estado español. 

O tamén médico, Manuel González Moreira achéganos aos modelos e experiencias de privatización da sanidade, o do Reino Unido, o de Valencia e o de Madrid especialmente, o que dá conta do negocio que se move arredor da saúdo e os intereses da privatización. Da historia da privatización no sector na Galiza desde o inicio das creacións das Fundacións no goberno Fraga ocúpase a pediatra do Barbanza María Aurea Rodríguez Blanco mentres Ramón Veras, médico de familia na Coruña, adéntrase na ideoloxía conservadora que guía os recortes. 

“As asociacións de pacientes non se están a mobilizar abondo contra os recortes na sanidade” afirma Teresa Lord Rodríguez, Presidenta da Asociación Compostelá de Diabéticos, na entrevista que completa o caderno. 

Comentarios