O dono de La Voz únese ao Rei e a Vázquez pedindo un pacto de Estado, mais omite calquer alusión ao caso Feijóo-Dorado

Reapareceu a voz de Santiago Rey, o editor do xornal de maior tiraxe de Galiza. Fíxoo para se unir ao Borbón e a Francisco Vázquez e para demandar un pacto de Estado.

Baixo o título de Contra a Paciencia, reaparecen os comentarios de opinión do dono de La Voz de Galicia. O máis rechamante do artigo non é o que di -moi na liña dos seus editoriais precedentes-, senón o que omite. Rey non fai ningunha alusión ao caso Feijóo-Dorado. Non debe considerar relevante que o presidente da Xunta mantivese unha longa relación de amizade cunha persoa que atentaba contra a saúde das persoas.

É un artigo de focaxe española -fala de España como "nación postrada". O obxecto de preocupación é España, non Galiza. Podería perfeitamente terse publicado ou en Madrid ou en Valladolid. Galiza só aparece nun parágrafo. Rey sobrevoa o noso país e dá receitas para, segundo a súa opinión, endireitar España. É máis: fala en todo momento de "los españoles".

Ataca este goberno, por Rajoy, como o anterior, o de Zapatero, por terse submetido ao que chama "a ditadura do euro" e por renunciar a políticas de estímulo da economía.

Critica aos partidos políticos en xeral como se todos tivesen o mesmo comportamento e desliza as críticas de rigor na imprensa oficial do réxime contra os sindicatos, tamén así en xeral, todos metidos no mesmo saco.

Rey pide que se incentive a contratación cando nos últimos meses acaba de realizar serios axustes no seu cadro de persoal

Por que hai desafección coa política? Segundo a interpretación de Rey, porque os partidos son incapaces de concertaren un grande pacto de Estado. Únese así a un coro de voces ao que se incorporaron nos últimos días Rubalcaba, o Rei e até Francisco Vázquez, o ex alcalde da Coruña, que onte pedía no programa El Gran Debate de Tele5 un goberno de concentración, "que non de coligación". Si, o mesmo Francisco Vázquez ao que un xulgado vén de abrir dilixencias previas por presunta prevaricación en relación co caso Someso.

Algunhas receitas propón Rey no seu artigo entre elas "repensar as leis laborais para incentivar a contratación no canto do subsidio". Curiosa frase vinda dun editor que nos últimos meses acaba de realizar serios axustes no seu cadro de persoal e que se beneficia de cuantiosas subvencións da Administración autonómica.

Non procuren máis: por máis que rastrexen, non atoparán no artigo nen unha soa alusión ao caso Feijóo-Dorado. Nin a máis mínima. Ao editor de La Voz non lle merece ningún comentario que o presidente da Xunta mantivese unha longa relación cunha persoa clave na mafia do contrabando e o narcotráfico na Galiza durante os últimos 20 anos.

Algunha referencia, polo demais, á venda de Barreras a prezo de saldo á empresa estatal mexicana Pemex, con Feijóo como intermediario? Tampouco. Ningunha referencia.

Algunha alusión a que Feijóo non fixera a menor crítica aínda a Fernández de Sousa, o empresario que levou a Pescanova á suspensión de pagamentos? Absolutamente ningunha.

En definitiva -e baixo a impostada aparencia de furia, irritación e amuamento- a imprensa amiga continúa a ser amiga.

Comentarios