O presidente do comité de empresa, Faustino Santalices, valorou como "moi positivo" o preacordo entre FCC e traballador@s. "Agora terá que ser a asemblea esta mesma noite a que tome a última decisión", sinalou en declaracións a Sermos Galiza. O sindicalista da CIG non quixo dar máis datos sobre os resultados das reunións que remataron cun principio de acordo que permitiría desconvocar a folga prevista para estes días de Páscua. "Por respecto aos traballadores preferimos que sexan eles os primeiros en saber cales foron os compromisos acadados", indicou.
O apoio da asemblea é imprescindíbel para a desconvocatoria da folga prevista para o 30 de marzo. As conversas estiveron en ponto morto hai uns días após as diferenzas entre empresa e comité estaren lonxe de se achegar. As negociacións entre ambas partes comezaron o pasado 9 de xaneiro cando FCC, segundo os sindicatos, puxo enriba da mesa unha revisión salarial e non cobrar os tres primeiros días de baixa, cunha redución dun 60% a partir da cuarta xornada. por parte do comité exixíase unha actualización do soldo igual ao IPC máis 1,5 pontos, manter os complementos e os pagos por incapacidade.