O acoso á comunidade inmigrante na Galiza, no número 52 do Sermos Galiza

Falamos con inmigrantes que contan en primeira persoa a persecución que sofren no país que foi (e segue a ser) de emigrantes. Tamén falamos neste nº 52 de proxectos para superar a crise no rural; entrevistamos a Bieito Lobeira, Chus Pato, Carlos Morais e Alberte Blanco. E moito máis

Sermos Galiza

Un novo número, o 52, de Sermos Galiza xa está desde esta sexta na rúa, e desde xa á venda na nosa loxa. Agardamos que gostes. “Non teñen corazón, non nos ven como seres humanos”. A frase, dun inmigrante nixeriano que reside na Coruña, sobre o trato policial é unha das que atoparás no Tema da Semana deste Sermos. Falos con inmigrantes para darlles e voz e que conten a realidade do seu día a día: Acoso e persecución nun país de emigrantes.

Na crónica política metémoslle o dente ao rexurdir do localismo, desta vez da man de Abel Caballero. E entrevistamos a Bieito Lobeira, responsábel de Organización do BNG: “Samuel Juárez ponse do lado dos romanos”.

Renuncias no naval e reocupacións no rural

Como a Xunta renuncia a intentar reflotar Navantia é outro dos temas analizados neste Sermos Galiza. Un semanario no que miramos (e aprendemos) de como malia crise (económica, demográfica,...) que quer afogar o rural, existen proxectos e iniciativas para reocupar e rexuvenecelo. Con mulleres protagonizándoas.

Os recortes nas pensións ou a 'tuiteruzación'de Facebook ou as aplicacións para móbiles a se abrir paso na cultura galega, son outros dos temas que debullamos neste número do semanario.

a sección de internacional, Carlos Morais, do Movemento Continental Bolivariano, enmárcanos o proceso de negociación en febreiro a A Habana. En Deportes achegámonos a deportes como a vela ou as traiñeiras.

Chus pato: “a poesía nace da tensión entre melodía e pensamento”

E neste número 52 encántanos poder ofrecer pequenos luxos para ler, como unha entrevista a Chus Pato (“a poesía nace da tensión entre melodía e pensamento”). E falamos con Alberte Blanco, que vén de publicar a súa primeira novela, 'Arcadia', un thriller do que está a piques de saír a segunda edición. Aliás, contamos o adeus do teatro a 'Pico'.

E, como non, en Viaxes na miña Terra percorremos Punta Nariga, na Costa da Morte.

Todo isto,e moito máis, neste Sermos Galiza en papel. Na rúa, outra sexta, grazas a vós. 

Comentarios