mércores 12/08/20

Miguel Fernández Lores, "O Premio Intermodes vén apoiar o noso modelo de cidade alternativa e contemporánea"

A cidade de Pontevedra vén de ser galardoada pola súa política de mobilidade co premio Intermodes, outorgado pola axencia que traballa ao amparo da Unión Europea.  O alcalde Miguel Fernández Lores explica o modelo alternativo que o goberno municipal defende e que transformou a cidade para a deseñar á medida da veciñanza. Suma un recoñecemento aos xa recibidos que están a converter a cidade do Lérez nun modelo de urbanismo. 
Miguel Fernández Lores, "O Premio Intermodes vén apoiar o noso modelo de cidade alternativa e contemporánea"

Metrominuto vén de obter o Intermodes 2013 Prize, entidade colaboradora da Unión Europea. Que significa este proxecto nos planos de mobilidade do concello?

Metrominuto é unha anécdota simpática, un plano que mostra uns 20 puntos da cidade coa distancia en metros e o tempo en minutos que leva percorrela a pé. Mais é a consecuencia de todo un plan de reforma urbana en que as persoas son as protagonistas. O resultado é unha cidade alternativa que levamos construíndo estes últimos anos. Unha cidade integradora, coa accesibilidade universal conseguida na práctica totalidade dos espazos públicos; unha cidade renovada, reconciliada coa memoria histórica, socialmente cohesionada e que medra apoiada nas súas potencialidades. É o resultado dun xeito valente e decidido de facer política para mudar as cousas, para construír un mundo mellor, un país mellor, empezando pola nosa cidade.

-Calquera visitante mostra sorpresa coa cantidade de xente que pasea e camiña polo centro da cidade. Que significa o cambio experimentado nos últimos anos na calidade de vida da cidadanía?

A xente camiña e pasea porque hai condicións para iso. Ademáis da importante reforma urbana, acometida segundo un modelo global de cidade cun rumbo moi ben definido desde o principio, fixemos algo moi importante: non deslocalizar o comercio, fomentando e protexendo o seu lugar tradicional. As peonalizacións e o tráfico a motor calmado trouxeron unha interesante cultura peonil. Hoxe ninguén se pregunta se ten que coller o coche; até quen era máis reticente móstrase satisfeito por trasladarse camiñando. Gañamos en saúde, en mellorar o medio ambiente, en seguridade e en animación urbana e optimismo; a cidade é máis agradábel e agarimosa.

-Xa son pasado as reticencias por restrinxir o tráfico de coches polo centro?

Estou convencido de que a maioría está encantada co modelo de cidade que ten as persoas no cumio das súas prioridades, e a mobilidade natural sobre a motorizada. Mire... un cambio tan importante nunha cidade non se pode facer sen a activa colaboración da cidadanía. Os responsábeis políticos diriximos e enfocamos os procesos, mais os protagonistas son os cidadáns, as entidades veciñais, empresariais, profesionais... A maioría da xente está orgullosa de vivir aquí e así.

-Que supuxeron os distintos planos de peonalización para Pontevedra?

A peonalización é unha das partes máis visíbeis dun modelo alternativo de cidade, do cal algúns chaman "ecocidade", mais non a única. Abandonamos a idea de conxestión, agresividade, contaminación, ruídos, etc, e mirámonos nas cidades do futuro; as que poñen as persoas no centro da súa vida, coidan o espazo público e dinamizan a súa economía endóxena. Unha vez, un xornal fixo un estudo para saber a que sonan as cidades. Pontevedra sonáballes a nenos e nenas que xogan nas rúas e prazas. Que digan iso da cidade de un, é un auténtico orgullo. Mais houbo outras accións menos visíbeis e moi importantes, como a rede separativa de esgotos ou o saneamento integral do río e a ría, xa que somos a primeira cidade de Galiza co ciclo da auga completo... neste capítulo só resta trasladar a industria contaminante que hoxe ocupa un terreo impropio na baía de Lourizán.

-Teñen a sensación no goberno municiapl de que con recoñecementos como estes Pontevedra está a se converter nun modelo de urbanismo?

Pontevedra medrou nos últimos anos un pouco contracorrente, dun xeito alternativo. Se moitas cidades se deixaron levar pola forza dos centros comerciais e fixeron un urbanismo que necesita un grande uso do automóbil privado, nós enfocamos o noso modelo cara a todo o contrario: estrutura comercial tradicional, ben localizada dentro da cidade; tráfico a motor só cando é preciso, xa que aquí non queda sen cubrir nengunha das necesidades reais da poboación ou das empresas; o que nos cargamos foi o innecesario. En algo sí notamos que vén sendo un modelo para outras cidades: convídannos a reunións, a congresos, visítannos técnicos doutras cidades, pídennos colaboracións en universidades e departamentos técnicos... Mesmo outros alcaldes están interesados pola nosa xestión.

-Co Intermodes 2013 van xa un feixe deles, non é?

A verdade é que si... case todos eles premios aos que nos presentaron outras entidades ou persoas, ou como este, que o elexiu directamente o xurado, sen candidaturas. Os máis importantes foron o Nacional da Cultura Galega, pola posta en valor do patrimonio arquitectónico coa reforma urbana; o de Accesibiilidade Universal que nos concedeu a Federación Española de Asociacións de persoas con dificultades de mobilidade (Cermi); e dous de seguridade viaria: o de Fesvial e o estatal de Seguridade Viaria, ambos os dous con xurados que integraban os maiores expertos de seguridade viaria do estado, e outorgados por algo tan importante como a redución a cero do número de vítimas mortais nas zonas afectadas pola reforma urbana, que abranguen a prática totalidade da capital, e a velocidade limitada a 30 en todo o espazo urbano. Este de carácter europeo, o Intermodes, supón un importante apoio internacional a un modelo de cidade alternativo e absolutamente contemporáneo.

Miguel Fernández Lores, "O Premio Intermodes vén apoiar o noso modelo de cidade...
comentarios