luns 03/08/20

Lores recolle en Nova York un novo premio para Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recolleu en Nova York o premio á Excelencia do Centro para o Deseño Activo, a fundación creada polo exalcalde da cidade, Michael Bloomberg. O proxecto da cidade galega foi cualificado como “de estudo” para que o exemplo se multiplique. 

Lores recolle en Nova York un novo premio para Pontevedra

Un premio máis que, desta volta, recoñece o deseño urbano de Pontevedra no mundo anglosaxón. O Centro para o Deseño Activo creado polo exalcalde de Nova York, Michael Bloomberg entregoulle esta segunda feira ao alcale Miguel Anxo Fernández Lores o premio á Excelencia ao tempo que recoñecía o carácter “pioneiro” da cidade á hora de aplicar o modelo que a entidade defende, centrado de maneira especial na implantación de hábitos saudábeis e de calidade de vida para a veciñanza. 

Caso de estudo

“Estamos en Nova York e cremos que somos o número un e que o facemos todo ben, mais de vez en cando outra cidade móstranos o que realmente se pode facer”, sinalou o presidente do Centro para o Deseño Activo, David Burney, segundo recolle Pontevedra Viva, con respecto, en especial, á consecución dos obxectivos da entidade como implantar as condicións urbanas para a redución do risco de obesidade e enfermidades crónicas apoiando e promovendo a actividade física e a comida equlibrada. “É un caso digno de estudo por todo o que unha cidade pode facer para transformarse a si mesma nunha comunidade saudábel”, engadiu Burney para quen, “sen un alcalde que marque os obxectivo a cumprir, non pasaría”. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou o seu orgullo polo recoñecemento  a un modelo que defendeu como “respectuoso co medio e pensado para as persoas” que sitúa á cidade no cúmio da calidade urbana e ambiental.  "Merecémonos unas cidades mellores e é posible facelas. Pontevedra é un exemplo de como facer as cousas", engadiu o alcalde que remata esta terza feira a súa estadía en Nova York cunha axenda na que se inclúen distintas xuntanzas como a que manterá con Linda Gibbs, directora de Bloomberg Associates, entidade que quere coñecer o modelo de cidade da man do propio Fernández Lores. 

comentarios