Granxas de visóns prohibidas en Europa tentan instalarse en Galiza

Numerosas solicitudes demandan a implantación de novas granxas pelexeiras de visón americano ou a ampliación das existentes, en Galiza após a prohibición destas instalacións en boa parte de Europa. 

visón
photo_camera Exemplar de visón americano

Os riscos da cria de visóns para a biodiversidade xa foron alertados pola comunidade científica en maio de 2012 nun manifesto publicado en relación ás especies invasoras. O seu carácter predador faino ocupar "múltiples hábitats" en que compite polos recursos "cos carnívoros autóctonos como a marta, a xeneta, a denociña ou a lontra". 

Neste senso, son agora os visóns americanos os que ameazan o noso país e os ecosistemas de boa parte de Europa. Así é que Holanda, Reino Unido, Alemaña, Suíza, Austria e Croacia, son algúns dos países europeos que xa prohibiron instalar granxas pelexeiras desta especie. 

Porén, desde Adega alertan de que son varias as empresas con capital destes países as que están a solicitar á Xunta a instalación de novas explotacións no noso país. Grislee International Furs, Celtic Mink ou Saga Furs procuran abrir novas granxas en Galiza --principalmente na provincia de Pontevedra-- un territorio, sinalan desde Adega, que concentra na actualidade "o 80% das granxas de visón americano do Estado". 

A organización ecoloxista advirte  dos perigos que supón para a fauna galega que a Xunta autorice a implantación de novas granxas peleteiras habida conta do "alto potencial invasor da especie" que xa se reproduce en liberdade no noso país froito das fugas nas granxas existentes. 

Así pois, Adega solicita á Xunta que "tal e como aconteceu en moitos países de Europa, non autorice" máis instalacións e que considere "as existentes de alto risco biolóxico". 

Comentarios