A liberalización e privatización dos camiños de ferro no Estado español terá as súas consecuencias a partir deste mesmo ano. A poucos meses de se executar a fragmentación das empresas públicas que xestionan o transporte ferroviario, deixará a Galiza sen unha parte importante das liñas que actualmente vertebran o país --agás Lugo. Neste senso, o Ministerio de Fomento --dirixido pola popular Ana Pastor-- suprimirá 19 tres de media distancia e 21 estacións que, segundo o executivo español, non son rendíbeis. Segundo informaron fontes do goberno de Mariano Rajoy a perda de liñas será "compensada" con comboios e trens de longa distancia, decisión que incrementará o prezo das viaxes.
As rotas desaparecidas deixarán de seren subvencionadas pola administración española ficando baixo decisión do Goberno da Xunta manter ou non as liñas. Porén, o executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo non preve o seu mantemento.
A decisión, que xa fora feita pública o pasado ano foi rexeitada polos grupos da oposición e múltiples colectivos, nomeadamente naquelas liñas que son empregadas de maneira habitual por traballador@s e estudantes como os traxectos que conectan A Coruña e Ferrol ou A Coruña - Monforte.