Feijóo avala a "honestidade" de Rajoy pese a que o presidente do PP non denunciou os manexos de Bárcenas

No congreso do PP galego que o reelixiu esta mañá como presidente co 98,7 por cento dos votos, Feijóo saiu en defensa de Rajoy. Cualificouno de "político honrado a carta cabal", precisamente cando se sabe que Rajoy non denunciou os pagamentos en negro que realizaba o seu tesoureiro, Luis Bárcenas.

A sombra dos casos de corrupción que atinxen o PP foi demasiado alargada como para Feijóo non se referir a ela. O reeleito presidente do PP galego, no discurso de presentación da súa candidatura, puxo a cara por Rajoy. Non lle queda outra se realmente aspira a sucedelo e a enfrentarse co sector do partido que controla Esperanza Aguirre.

"Rajoy é un político honrado a carta cabal", dixo Feijóo, embora a estas alturas xa é público que Rajoy, como secretario xeral, e logo como presidente, desde 2004, non puxo en coñecimento da xustiza prácticas presuntamente constitutivas de graves delitos contra a Facenda pública (os pagamentos en negro a funcionarios e dirixentes do PP, que abalaban entre os 5.000 e os 15.000 euros mensais).

Na contorna de Rajoy dábase por suposto o fechado apoio de Feijóo ao presidente estatal do partido. Rajoy está moi acosado quer polo sector de Aguirre quer pola imprensa conservadora que se identifica coa ex presidenta madrileña. Hoxe, el diario El Mundo publica un editorial en que demanda a criación dunha comisión de investigación no seo do partido, demanda realizada durante esta semana por Aguirre.

Non só deu a cara por Rajoy, tamén o fixo por Manuel Fraga, cuxo pensamento se reivindica agora como doutrina oficial do partido por parte do PP. Fraga presidía o partido cando Bárcenas sistematizou os pagamentos en negro e Fraga tivo como secretario de Organización do PP galego a Pablo Crespo, unha das figuras centrais da trama Gurtel.

Agustín Hernández e Paula Prado

O Congreso elixiu o núcleo duro e indixitou Rueda como eventual sucesor de Feijóo. O tamén vicepresidente do Goberno terá canda el a Agustín Hernández, como único vicesecretario xeral, e a Paula Prado, como portavoz. Prado é concelleira en Santiago e milita no sector do partido claramente contrario ao imputado alcalde compostelán.

Comentarios