En liberdade Júlio Saiáns, o independentista detido en outubro en Ferrol

O mozo, a quen o ministerio de Interior lle atribuíu "responsabilidades" no aparello de financiamento de Resistencia Galega, abandonou o centro penitenciario madrileño de Soto del Real após facerlle fronte a súa familia á fianza imposta polo xuíz, de 6 mil euros. Canda el a policía española prendera a S.C., que quedou en liberdade e sen cargos após dous días da operación policial


Júlio Saiáns, o veciño de Ferrol detido a noite do 29 de outubro nunha operación policial contra o independentismo, vén de quedar en liberdade após facerlle fronte a súa familia á fianza de 6 mil euros que lle impuxo o xuíz. Estimou o maxistrado que non existía risco de fuga nin indicio de que as probas puideran ser alteradas.

Así as cousas, Júlio S. queda libre tras ser vinculado pola imprensa ao aparello de financiamento de Resistencia Galega ao reproduciren o comunicado feito público polo ministerio de Interior do Goberno español, en que se obviaba a presunción de inocencia e se lle atribuían "responsabilidades" na mencionada organización.

O mesmo tratamento mediático recibiu a súa compañeira, Silvia Casal, a quen a policía española prendeu canda el e canda a súa crianza de oito meses aínda lactante no domicilio que amb@s partillaban na cidade departamental "sabendo que era inocente, porque ao saír da casa mandáronme coller cartos para volver de Madrid", tal e como ela mesma explicou nunha entrevista concedida a este xornal.

A pesar de ser 'condenada' pola imprensa e de que "a policía non deixaba de me repetir que 'se te va a acabar el teatrito', que os meus pais ían estar destrozados porque vivimos nun barrio pequeno e que os ían sinalar como 'los padres de la terrorista'", o nome de Silvia C. non aparece no sumario do caso, ao igual que pasara xa con outras mulleres arrestadas en operacións contra o independentismo. Júlio S. levaba un mes e unha semana en prisión preventiva no centro penitenciario de Soto del Real, en Madrid.

Comentarios