En liberdade a independentista detida en Ferrol

Sílvia C.S. aínda non declarou perante o xuiz. A policía española prendeuna esta segunda feira á última hora do serán, incomunicándoa de inmediato e afastándoa da súa crianza, un neno de oito meses aínda lactante. No comunicado emitido polo ministerio de Interior non se lle atribuía acción delitiva ningunha e nos rexistros domiciliarios practicados só atoparon folletos de propaganda e unha axenda. A súa parella, Júlio S.S., detido canda ela, pasará na quinta feira a disposición xudicial após serlle negado o habeas corpus

Liberdade sen cargos. É a situación que vén de decretar a policía española para Sílvia C.S., a moza independentista que foi arrestada á ultima hora do serán desta segunda feira canda a súa parella, Júlio S.S., afastando amb@s @s dúas durante horas da súa crianza, un neno de oito meses aínda lactante que ficou sen se alimentar desde que prenderon á nai, ao redor das onde da noite, até que unha familiar foi avisada para se facer cargo del. As dúas persoas detidas foron incomunicadas de inmediato en aplicación da lei antiterrorista, ficando tamén o pequeno sometido a ela. F

A posta en liberdade da muller, activista en varios colectivos sociais e culturais, sobrevén após un comunicado de imprensa feito público polo ministerio de Interior en que non se lle imputaba á moza ningunha acción constitutiva de delito. Porén, aínda na información reproducida agora con motivo da súa liberdade nos medios de comunicación segue a obviarse a presunción de inocencia e aparece vinculada, citando fontes do Goberno español, á organización Resistencia Galega. Sílvia C.S. xa non pasou a disposición xudicial, ao entender o corpo español da policía que non había "indicio ningún" de delito contra ela.

A outra persoa detida, Júlio C.S., pasará esta quinta feira a disposición xudicial a pesares de cadrar cun día feriado, após denegaren para el o habeas corpus --a posta inmediata a disposición xudicial-- solicitado polo avogado da defensa. O ministerio de Interior atribúelle responsabilidades no que denominan "aparello de financiación" de Resistencia Galega.

A información facilitada á prensa desde o Goberno español sinala que nos rexistros domiciliarios que se practicaron a policía incautouse unicamente de panfletos propagandísticos, "diverso material informático" --non se especifica cal-- e unha axenda. Con todo, o documento emitido polo departamento que dirixe Jorge Fernández Díaz aparece ilustrada con imaxes de arquivo do material explosivo incautado nunha operación anterior, de novembro de 2011.

Asembleas informativas e concentracións

O organismo antirrepresivo Ceivar realizou asembleas informativas en diferentes cidades do país e convoca para esta cuarta feira concentracións de solidariedade coas persoas detidas. Terán lugar en Vigo ás 20h, diante do MARCO, e en Compostela ás 20:30h, na praza do Pan (Cervantes). 

Comentarios