Emigrantes Retornados denuncian que o PP “traizoa” os intereses do colectivo

“Emigrantes Retornados” agradece o apoio dos grupos parlamentares da oposición e acusa ao PP de ter “traizoado” os intereses do colectivo por non aprobar a iniciativa do BNG para modificar a lexislación tributaria pola que están a ser sancionados. 

Emigrantes retornados4
photo_camera Emigrantes retornados4

O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, un dos máis activos que se concentrou diante do Parlamento na sesión plenaria, mostra a súa decepción pola negativa do PP a apoiar a iniciativa do BNG na que se reclamaba a modificación lexislativa que reivindican os colectivos de retornados. Maniféstanse especialmente pola lei que fixa dúas cantidades á hora de facer a declaración da renda, 11.200 € ou 22.000 segundo a persoa contribuínte teña un ou varios pagadores. “Este feito elimina toda esperanza dun acordo do Parlamento de Galiza para trasladar á administración estatal e lograr que se mude unha lei tan inxusta como arbitraria e oportunista”, denuncian na nota de prensa. 

O colectivo criticou que o goberno da Xunta non tomara ningunha iniciativa a partir do acordo aprobado por unanimidade no Parlamento hai tres meses a respecto das sancións xa que, segundo informa, as persoas afectadas seguen recibindo cartas de sancións e intereses de demora. 

“Consideramos que o grupo parlamentar do PP virou as costas aos emigrantes retornados, xa que non entendemos que o grupo maioritario do noso parlamento non atenda as reivindicacións duns sectores que representan amplamente a sociedade galega: Emigración e terceira idade, que en moitos casos son soporte económico das súas familias nun contexto de crise e desemprego”, lamentan.  Porén, agradecen o apoio de 31 deputados e deputadas da oposición que votaron a favor da iniciativa.

Comentarios