Dous traballadores ingresarán en prisión por participar nun piquete en Vigo en 2008

Carlos Rivas e Serafín Rodríguez foron condenados á tres anos de prisión por integrar un piquete informativo durante a folga de transporte de mercadurías de 2008. CIG, CCOO e UGT solicitan o indulto e unha manifestación percorrerá o domingo as rúas de Vigo en solidariedade cos traballadores.

traballadores

Carlos Rivas e Serafín Rodríguez están a piques de entrar na prisión de A Lama por participar nun piquete informativo durante a folga do transporte de mercadurías de abril de 2008 na provincia de Pontevedra.. Foron condenados a tres anos de prisión cada un por entender a xustiza que eran responsábeis “dun delito contra o dereito dos traballadores”. O xulgado de Vigo aplicoulles a pena máxima posíbel e en 2011 a Audiencia de Pontevedra ratificou o fallo.

O goberno español denegoulles o indulto malia non ter antecedentes, estar traballando e ter fillos menores

CIG, CCOO e UGT convocaron para este domingo unha manifestación en Vigo en apoio e solidariedade para con estes dous traballadores. Unha mobilización (11:30. Praza dos Cabalos) para pedir a anulación da sentenza e que se enmarca nunha campaña máis ampla, con recollida de sinaturas incluída. En decembro pasado o goberno español deu a súa negativa á petición de indulto para estas dúas persoas. Os sindicatos volveron solicitar esta 'medida de gracia' para evitar que Serafín e Carlos, con emprego e fillas menores, entren no cárcere.

Ambos os dous volveron proclamar a súa inocencia. Lembran que en abril de 2008 formaban parte dun piquete con 80 persoas máis que estaba na zona da rotonda de Bouzas. A policía española identificounos e advertiulles que nos vindeiros días recibirían unha denuncia. Carlos e Serafín aclaran que neste día non houbo incidente algún, nin danos nin enfrontamentos.

No piquete había 80 persoas. A policía identificounos e advertiulles que xa recibirían unha denuncia

“Sentenzas políticas e de carácter ideolóxico”

Para o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, este tipo de sentenzas teñen que ser cualificadas como “políticas” e teñen un claro “carácter ideolóxico”. Non son, lembran, un caso illado senón que fan parte dunha estratexia de “criminalización dos movementos sociais e sindicais”.

Amelia Pérez, de CCOO, tildou de “vergoñenta”, “desproporcionada” e “inxusta” a sentenza, mentres que Domingo Barros (UGT) considera que o “único delito” destes dous traballadores foi “pelexar polos dereitos laborais”.

Comentarios