CIG responde á petición dun pacto social exixindo na rúa a greve xeral

O secretario xeral, Suso Seixo, recolleu unha petición que foi unánime nas rúas, repetida unha e outra vez en todas as mobilizacións que a central nacionalista convocou para este 1º de Maio e preguntouse "a cambio de que?" se produciría o diálogo que CC OO e UGT piden co Goberno español

photo_camera [Imaxe: SG]


"Estas políticas hai que as parar e hai que botar do Goberno a quen as promove". Contundente, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, reclamou a convocatoria inmediata dunha greve xeral no País.

Fíxoo recollendo perante os medios de comunicación unha petición que foi unánime nas rúas, repetida unha e outra vez en todas as mobilizacións que a central nacionalista convocou para este 1º de Maio. 

Namentres CC OO e UGT non queren pechar a porta ao "diálogo" en prol dun "pacto social", aproveitando a data de hoxe para solicitar que Rajoy convoque estas dúas centrais a negociar, tal e como fixeron os seus líderes desde Madrid, na Galiza Seixo pregúntouse "a cambio de que?" se asinaría ese pacto e "para implementar que políticas?", pois responsabiliza os gobernos español e galego de faceren de brazos executores das ordes da Unión Europea traducidas nunha ofensiva contra a clase traballadora. 

"Atacan os sectores máis desfavorecidos da sociedade e favorecen os grandes poderes económicos, á banca e aos especuladores" impoñendo unhas medidas que son, en palabras de Seixo, "antisociais e antigalegas". Cunha faixa que proclamaba o dereito á autodeterminación do pobo galego e berros nas rúas en prol da súa independencia, o secretario xeral da CIG non deixou pasar a oportunidade de atacar a Unión Europea e a súa liña "centralista" que persegue, dixo, "desmantelar os sectores produtivos básicos da Galiza". 

Seixo lembrou que este Primeiro de Maio chegou cunhas cifras de desemprego "históricas e profundamente alarmantes" que amosan "a dureza da crise" e que reflicten unhas económicas promovidas polo PP e a UE "que supoñen menos dereitos e máis pobreza", tal e como sinalaba o lema con que a CIG chamou ás rúas esta cuarta feira. "Hai alternativas", enfatizou, e pasan todas elas pola "mobilización" para as conquerirmos fronte a un PP que nos goberna cos seus dirixentes "vinculados á corrupción, ao cobro de soldos en diñeiro negro e ao narcotráfico".

Comentarios