A CIG denuncia que os ERES se duplicaron cunha reforma que precarizou o mundo do traballo

Un ano e medio despois da súa entrada en vigor, o balance da reforma laboral é unha maior destrución e precarización do emprego, segundo a CIG. Responde así a central nacionalista á Ministra de Emprego, Fátima Báñez e lamenta que a lexislación contribúa a fornecer “man de obra barata á patronal”. 

Manifestación en Vigo (CIG)
photo_camera Manifestación en Vigo (CIG)

A CIG critica o discurso triunfalista da Ministra de Emprego Fátima Báñez na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e contrapón unha realidade na que, segundo o sindicato nacionalista, a aplicación da reforma laboral supuxo unha maior destrución de emprego, peores condicións laborais e non creación de novos postos de traballo. 

“Só serviu para precarizar o mercado laboral e proporcionar man de obra barata á patronal” denuncia a CIG que sinala entre os efectos da aplicación da nova lexislación o aumento de despedimentos por causas obxectivas, o incremento do cambio no traballo fixo por temporal, a diminución dos salarios e un “ataque sen precedentes” á negociación colectiva mermando os dereitos da clase traballadora. Entre os datos dos que bota man a central nacionalista para argumentar a súa denuncia está a redución do custo neto por persoa traballadora na Galiza nun 3,3% segundo a enquisa do INE cando no Estado español a baixada foi de 0,7%.  

“Non só non puxo freo aos despedimentos, senón que supuxo un aumento de máis do dobre dos ERES aprobados no ano 2011” sinala a CIG arredor dunha política laboral que escorou con claridade cara o empresariado cunha maior facilidade na precarización dos contratos entre outros aspectos, no sacrificio da conciliación da vida laboral coa familiar ou na flexibilidade da xornada de traballo segundo o interese da empresa. Neste sentido, atacou de igual maneira a redución de xornada para atender ás crianzas, fixo perigar o permiso de lactación. 

Da parte do empresariado

A central sindical nacionalista repara tamén no seu balance no “abaratamento” do custe do despido procedente, con indemnización de só 20 días por ano traballado e dificultado as condicións para a xubilación contributiva. 

Os recortes nos dereitos laborais sumados á diminución dos servizos públicos está a provocar, segundo a CIG unha “precarización sen precedentes das condicións sociolaborais das galegas e dos galegos, mentres que as rendas empresariais aumentaron de forma escandalosa”. Superan, por vez primeira, a masa de remuneración das persoas asalariadas, o que evidencia o claro incremento das desigualdades sociais. 

Comentarios