CIG, CCOO e UGT consideran a folga unha xornada histórica

Sermos Galiza fala cos secretarios xerais das tres centrais sindicais maioritarias para valorar o seguimento que está a ter a Folga Xeral en Galiza. Os tres coinciden en sinalar a resposta social como "histórica" e maior que noutras convocatorias. Aliás, instan ao goberno galego e español a recuar nas súas políticas pois din, "senón continuaremos a nos mobilizar"
Piquete no centro de Vigo
photo_camera Piquete no centro de Vigo

A convocatoria de Folga Xeral que se está a desenvolver en Galiza --mais tamén a nivel europeo-- no día de hoxe, constitúe un día histórico pola magnitude da convocatoria. Non se trataba tan só dunha xornada de loita para as traballadoras e traballadores senón "para o conxunto da cidadanía", aseguran as centrais sindicais convocantes.

As consecuencias das políticas (neo)liberais que están a aplicar os gobernos --amparados nas directrices marcadas pola Troika (Comisión, BCE e FMI)-- están a minguar os dereitos da clase traballadora, mais tamén están a pór en risco o supervivencia dos servizos públicos e as políticas sociais. Neste senso, sindicatos de diversos países de Europa, convocaron para o 14N un paro xeral que, arestora, suma xa un apoio do 90% nos principais sectores produtivos galegos, segundo os datos ofrecidos a primeira hora da mañá polos tres sindicatos maioritarios. Suso Seixo, secretario xeral da CIG asegura que estamos "ante un paro xeralizado mesmo superior ao da convocatoria de marzo" e subliña que "moi semellante" en todos os sectores "incluso nas áreas comerciais que sempre é máis complexo".

Suso Seixo: "O goberno tentará desprestixiar a mobilización social porén seguiremos mobilizándonos como única saída"

Os secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT coinciden en que a valoración da xornada "é moi positiva" pois "pola resposta que deu a cidadanía, clara e contundente", asegurou José Antonio Gómez secretario xeral de UGT en declaracións a Sermos Galiza. "Estou camiñando cara a manifestación de Vigo e a perspectiva é que será moi exitosa", aseveraba Sánchez Aguión de CCOO, perante o que semella será unha xornada histórica. "Os datos que nós manexamos apuntan cara a participación de milleiros de persoas nas manifestacións", apunta Seixo desde a CIG.

José Antonio Sánchez: "Se non saben facer as cousas terán que convocar eleccións"

Ao peche das principais empresas do país, entre as que se atopou o paro da produción en Citröen, Navantia ou Alcoa; sumouse a parálise da recollida do lixo nas principais vilas e cidades do país, así como dos polígonos industriais e do transporte terrestre --urbano e interurbano-- de mercadorías e alimentación; aeroportos e ferrocarrís. Aliás, os portos pesqueiros do país cesaron tamén a súa actividade e ficaron pechados en apoio á Folga Xeral. "O comercio local tamén está pechado", aseveraba José Antonio Sánchez entrementres camiñaba pola rúa camiño da manifestación nacional que ten lugar en Vigo, "Galiza será baluarte para todo o Estado", engadía o de UGT ao abeiro dos datos de seguimento que as centrais sindicais tiraban a primeira hora da mañá.

Sánchez Aguión: "Esta será unha xornada histórica"

Sánchez Aguión vai alén e asegura que o goberno "terá que rectificar ou seguiremos mobilizándonos". O secretario xeral de CCOO ten claro que a de hoxe "é unha resposta clara" ás políticas implementadas polos gobernos do Partido Poplar, "se non saben facer as cousas terán que convocar eleccións, ou un referendo e senón que o deixen", sentenciaba. Para Seixo, "o goberno manterá a mesma postura que até o de agora", di, pois "intentará desprestixiar a mobilización social", porén, retruca "nós seguiremos mobilizándonos como única saída a estas políticas anti-sociais". Desde UGT, o secretario xeral aseguraba que a xornada de loita convocada polas centrais sindicais quere facer ver ao goberno español que "debe deixar de ser cobarde e exixir á Unión Europea que cese na súa política". Para el, as políticas que se están a desenvolver en toda Europa "non serven" e só xeran "máis desemprego e máis desigualdades".

Xornada sen incidentes
A primeira hora da noite a xornada transcorreu con normalidade. Boa parte das quendas de noite, non entraron a traballar e secundaron o paro, polo que os piquetes desenvolveron unha labor informativa e pouco intensa. Porén, coa chegada das primeiras horas da mañá (arredor das seis), os polígonos industriais enchéronse de dispositivos policiais que en moitos casos impediron o traballo dos piquetes. "Cremos que houbo unha excesiva presenza policial", asegura José Antonio Gómez, desde UGT, mais salienta --ao igual que os demais secretarios xerais-- que a xornada transcorreu "sen incidentes agás casos puntuais", asevera Seixo, "como é lóxico nunha convocatoria desta magnitude", conclúe Sánchez Aguión (CCOO). No entanto, todos coinciden en que a "tónica xeral" foi de normalidade e reflectiu "a madurez da clase traballadora galega".

Comentarios