CIG bótase a andar polo emprego con marchas que desembocarán na manifestación do día 19

A CIG bótase a andar polo emprego e segunda feira día 14 de outubro iniciarase en Ferrol a primeira das vinte marchas comarcais que desembocarán na manifestación nacional prevista para o día 19 en Compostela. 

Manifestación en Vigo (CIG)
photo_camera Manifestación en Vigo (CIG)

As marchas polo emprego desenvolveranse durante a semana do 14 ao 19 de outubro por distintas comarcas do país co fin tanto de dar a coñecer as propostas da CIG como situar o desemprego no centro do debate social e político. Alén das marchas polo emprego, a central sindical programa unha semana completa de accións, con repartos informativos na rúa, nas oficinas do INEM ou nos centros de traballo. Esta fase da campaña desenvolvida pola CIG terá o punto final coa manifestación nacional do día 19 de outubro que sairá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago. 

Tanto as marchas como a manifestación insírense na campaña da central nacionalista na que vén de presentar no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular polo emprego que conta xa co apoio do BNG, grupo co que representantes da CIG, co secretario xeral Xesús Seixo á cabeza, se reuniu o xoves día 10. 

A CIG presentou unha batería de iniciativas contra a destrución de emprego nun momento no que a taxa de 23% da poboación de desempregados alcanzou unha cota histórica. O documento que a CIG divulga recolle 100 medidas para a creación de emprego que se están a presentar nas diversas accións promovidas pola central sindical. Con 288.000 persoas no desemprego, a CIG considera que é hora de situar o problema no cerne do debate social e político e, nese sentido, toma o primeiro plano da súa acción sindical 


Calendario das Marchas polo Emprego 


A Coruña:

- Martes 15 de outubro: ás 16:00 horas marcha dende o local sindical (Avda. Alfonso Molina) até o Concello de Arteixo. Ás 19:30 horas haberá un acto público na Praza do Balneario.

- Mércores 16 de outubro: ás 16:00 horas marcha dende a Praza do Concello da Laracha até a Praza do Concello de Carballo, onde haberá un acto público ás 19:30 horas.

-Xoves 17 de outubro: ás 16:00 horas marcha dende a Glorieta do Polígono do Espírito Santo até a Praza Hermanos García de Betanzos, onde haberá un acto público ás 19:30 horas.

- Venres 18 de outubro: ás 16:00 horas marcha dende o Campo da Feira de Cerceda até a Praza do Concello de Ordes. Acto público ás 19:30 horas.

Compostela:

- Xoves 17 outubro: ás 10:00 horas marcha a pé que chegará o día 19 a Compostela. A primeira etapa será dende de Ribeira até Rianxo.

- Venres 18 outubro : ás 10:00 saída de Rianxo até O Milladoiro.

- Sábado 19 de outubro : marcha dende O Milladoiro até Compostela para confluír na Alameda coa saída da manifestación nacional.

Ferrol:

- Luns 14 de outubro: ás 10:00 horas marcha dende San Valentín (fronte a antiga Astano) até a rotonda de Freixeiro (Narón), pasando por Fene e Neda.

- Mércores 16 de outubro: ás 10:00 horas marcha dende o Polígono de Río do Pozo até a o Concello de Ferrol, pasando pola estrada de Cedeira e a estrada de Castela até a praza de Armas.

Lugo:

- Martes 15 de outubro: ás 09:30 horas marcha dende a Factoría de Alimentos Lácteos en Outeiro de Rei. Ás 10:30 horas marcha dende o HULA. Ambas marchas confluirán para rematar conxuntamente diante do edificio Multiusos da Xunta en Lugo.

- Mércores 16 de outubro: ás 10:30 horas marcha dende o Pazo de Sober (Sober) até o Hospital comarcal de Monforte.

- Xoves 17 de outubro: ás 10:00 horas, marcha dende a fábrica de Muebles Hermida no Polígono Industrial de Lourenza até a Praza do Concello de Mondoñedo. 

Ourense:

-Martes 15 de outubro: ás 17:30 horas marcha dende Polígono Industrial da Raña, no Barco de Valdeorras, até o Edificio Administrativo da Xunta, na Praza de Otero Pedraio.

-  Mércores 16 de outubro: ás 10:00 horas saída dende a Avenida de Castela (PK 165 da N- 525), pasando polo núcleo urbano de Verín, o Polígono Industrial de Pazo, e rematando no Concello de Monterrei, a altura do PK 173 da N-525.

- Xoves 17 de outubro: ás 09:00 horas concentración e saída da marcha na Rotonda do Parque Tecnolóxico de Galiza até o Edificio da Xunta, na Avda. da Habana, onde haberá outra concentración.

Pontevedra:

- Martes 15 de outubro: ás 10:00 horas marcha rodeando Pontevedra con saída no Pazo de Cultura até a Subdelegación do Goberno, pasando pola Avda.. de Marín, a estación de autobuses e a rotonda da Ponte dos Tirantes.

- Mércores 16 de outubro: ás 09:30 horas marcha con saída do Concello de Cambados até a Praza de Ravella, diante do Concello de Vilagarcía, pasando pola rotonda do cruce da Illa, do Rial e a de baixada ao porto.

Vigo:

- Martes 15 de outubro: ás 09:30 horas saída dende a casa sindical no Porriño (Avenida Antonio Palacios) até o edificio administrativo da Xunta de Galiza en Vigo, pasando pola Avda. de Sanguiñeira, a vía de servizos de Puxeiros, Cabral, as rúas Urzáiz, Colón e Concepción Arenal.

- Martes 15 de outubro: ás 18:30 horas marcha dende a Praza de Abastos de Moaña até a Casa do Concello de Cangas.

- Martes 15 de outubro: ás 18:30 horas saída da Praza do Concello de Bueu até a Casa do Concello de Cangas.

Comentarios