Baltar sabía de irregularidades e ilegalidades na Deputación

O xefe de Recursos Humanos da Deputación de Ourense sinala ao ex-presidente da Deputación de Ourense como o responsábel das contratacións irregulares.
photo_camera José Luís Baltar

As testemuñas do caso Baltar en Ourense continúan a declarar no xulgado nº 1 desa cidade. Desta vez foi o xefe de Recursos Humanos da institución provincial, José Luis Suárez, quen involucrou a José Luís Baltar como máximo responsábel das contratacións que estan a ser investigadas. Malia non querer falar cos medios de comunicación, sabemos polo avogado da acusación que na súa declaración asegurou que Baltar “sabía” que os contratos “non eran legais”.

O xefe de Recursos Humanos da Deputación tamén declarou que en varias ocasións falou sobre este tema con Baltar e “advertiulle en todo momento” do que estaba a pasar. Non hai proba documental destes encontros porque, segundo Suárez, os avisos non se realizaron “por escrito”.

José Luís Suárez declarou que en varias ocasións falou sobre este tema con Baltar e “advertiulle en todo momento” do que estaba a pasar

As declaracións deste responsábel dos recursos humanos da administración provincial prodúcense após as que realizou Baltar asegurando que as contratacións froito de investigación “eran cousa dos funcionarios”

Un dos avogados da acusación, José Arcos, falou ao remate da declaración do xefe de Recursos Humanos da Deputación diante dos medios de comunicación. “Baltar coñecía cál era o procedemento”, dixo, e sabía “o que había que facer”. Para o avogado do PSOE a declaración de José Luis Suárez pon en evidencia que “foi unha situación excepcional que non se fixera nunca en ocasións anteriores” e “supostamente o que fixo foi seguir instrucións do presidente que tiña competencia e a decisión última nestas contratacións”, explicou.

Comentarios