AGE carga contra a política educativa do PP: "Ensino só para quen poida pagalo"

Representantes da Alternativa galega de Esquerdas (AGE) mantiveron unha xuntanza co reitor da Universidade da Coruña, co que avaliaron o impacto dos recortes orzamentarios no sistema universitario de Galiza
Beiras e Yolanda Díaz
photo_camera Beiras e Yolanda Díaz

“As políticas do PP devólvennos aos peores tempos, nos que o ensino era só para quen puidera pagalo”. A vicevoceira parlamentar de AGE, Yolanda Díaz, expresou así o sentir desta coalición ante os novos recortes do goberno de Feijóo para o sistema educativo. Representantes da Alternativa Galega de Esquerdas mantiveron unha xuntanza co reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto, para avaliar a situación actual e o escenario de futuro do sistema universitario de Galiza.

Yolanda Díaz sinalou como fundamental manter un modelo social que garanta a equidade xa que “unha das fórmulas fundamentáis para cambiar mundo e manter os dereitos e fornecer o sistema universitario” o que supón facer todo o contrario do que está a facer o goberno do Partido Popular. Referiuse máis polo miudo as taxas que, asegura, “impiden de facto o acceso das clases populares volvendo como nos peores tempos a uns eixos nos que a ensinanza queda destinada para as familias que teñan recursos, ensino só para quen poda pagalo".

A todo isto súmanse, indican desde AGE, as restricións do financiamento do estado coa redución do 18 por cento no referido a educación superior pero tamén o 80 por cento en I+D+I, "o que fai que a Universidade esté a atravesar unha situación realmente alarmante", tal e como destacaron os membros de Alternativa Galega de Esquerda.

Comentarios