Adega ofrece recomendacións aos concellos rebeldes para “reducir a dependencia” de Sogama

A asociación ecoloxista Adega tercia na rebelión dos cen concellos para aportar recomendacións coas que reducir tanto a dependencia de Sogama como un 50% dos residuos. 

.
photo_camera .

“Con valentía política e compromiso coa cidadanía pódense por en marcha iniciativas para reducir a dependencia de Sogama” di a asociación ecoloxista que considera que a “rebelión” dos alcaldes non pode ficar só nunha cuestión económica pola suba da taxa. “Poden comezar a virar cara unha xestión máis ecolóxica dos residuos poñendo en marcha iniciativas e medidas de baixo custo que lles permitirían reducir a dependencia de Sogama e aforrar máis dun 50% na factura do lixo”, defenden e, para iso aconsellan, de xeito inmediato poñer en marcha iniciativas de compostaxe doméstica e comunitaria co fin de reducir a materia orgánica, o que conlevaría un aforro inmediato e a posibilidade dun maior investimento no sistema de recollida e tratamento. 

A curto e medio prazo, a asociación ecoloxista propón habilitar unha área local de compostaxe, con tecnoloxía sinxela e económica, xunto cunha recollida selectiva “porta a porta”, enviando unha cantidade moito menor de lixo a Sogama. Calcula Adega que, de aplicar este mecanismo, só compriría entregar un 15% do que hoxe se lle envía. 

Lixo como recurso 

A medio e longo prazo, a proposta de Adega é a desvinculación de Sogama por medio da criazón de plantas comarcais mancomunadas de compostaxe, para o que contarían coa axuda de liñas de financiamento europeas. As plantas non só recollerían lixo orgánico senón tamén plásticos e envases. “Os concellos teñen o deber e a responsabilidade de promover unha xestión máis sustentábel dos recursos. E queda demostrado que os residuos, son un recurso económico de primeiro nível. Convertéronse nun problema só porque SOGAMA/GN Fenosa quería ter o monopolio da súa xestión e lucrarse con eles”, sinalan desde Adega. 

Comentarios