A Xunta de Persoal denuncia perante Medio Rural e Mar irregularidades na contratación de empresas de asistencias técnicas

A Xunta de Persoal acusa a administración “de burlar os principios de igualdade, mérito e capacidade contemplados na normativa que regula os procesos de provisión de postos"
Edificios administrativos da Xunta
photo_camera Edificios administrativos da Xunta

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza solicitou aos diferentes departamentos a relación dos servizos contratados con empresas de asistencias técnicas, con indicación do número de traballador@s, nome da empresa e importe da contratación, así como se prestan servizos en instalacións propias da empresa ou das consellarías. Esta solicitude, sinalan, vén motivada polas reiteradas denuncias presentadas aos sindicatos sobre a existencia "de persoal destas empresas que prestan os seus servizos nos edificios administrativos e empregan medios técnicos propios da Xunta de Galicia, dándose incluso casos de traballadores de empresas que dispoñen de enderezo de correo electrónico corporativo".

Só dúas consellarías, indica a Xunta de Persoal, deron resposta aos escritos do órgano representativo: a consellaría de Medio Rural e a consellaría de Traballo e Benestar. Nas súas respostas, o anterior responsábel deste Goberno na consellaría de Medio Rural cuestionaba a lexitimidade da Xunta de Persoal para solicitar esta información e negan a existencia da realidade coa que convivimos a diario nestas consellarías as empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza.

Situación de irregularidade

Perante esta realidade, a xunta de persoal presentou o día 18 de abril un escrito na consellaría de Medio Rural e Mar denunciando o traslado ás instalacións de San Caetano da Secretaría Xeral do Mar, tanto do persoal propio da Xunta de Galiza como de, polo menos, 5 asistencias técnicas que xa prestaban servizos nesa Secretaría, promovendo o mantemento dunha situación de irregularidade que se viña dando desde hai anos, o que pon de manifesto o interese da Xunta de Galiza en posibilitar, a través da vía xudicial, o acceso á administración de dito persoal.

Este órgano representativo cualifica este tipo de prácticas de inaceptábeis, e máis perante o novo panorama normativo imposto pola lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, en que se obriga aos empregados públicos a sufrir as consecuencias dos recortes que afectan gravemente aos seus dereitos, facultando o Consello da Xunta para acordar reducións de xornada coa correspondente redución retributiva do persoal interino e temporal de até un terzo da xornada efectiva, así como limitando a carreira administrativa e mobilidade dos empregados públicos con medidas de suspensión dos concursos de traslados e das ofertas de emprego público.

Burla de principios básicos

A Xunta de Persoal acusa á administración de “de burlar os principios de igualdade, mérito e capacidade contemplados na normativa que regula os procesos de provisión de postos, e non prestar importancia aos gastos de procesos xudiciais e os derivados de execución de sentenza, xerados como consecuencia destas malas e cada vez máis frecuentes prácticas”.

Doutra banda, afirman, ponse de manifesto que a contratación de empresas para realizar na práctica traballos que poderían ser desenvolvidos por persoal propio da Xunta de Galiza (“actuación moi habitual no Goberno do Sr. Feijoo”), non é máis que un sistema de organización e método de traballo que por imperativo legal deben ser informados polos órganos representativos dos/as traballadores/as da Xunta de Galiza.

Comentarios