A débeda da Xunta creceu un 28% no último ano malia a "austeridade" de Feijóo

Dende que o PP recuperou o Goberno galego e dixo iniciar unha política de “aforro” a débeda duplicouse a pesar dos recortes en servizos públicos e persoal. Alcanza xa case os 9.500 millóns de euros.   

Feijóo, Ana Pastor e dous conselleiros na inauguración dunha liña de tren.
photo_camera Feijóo, Ana Pastor e dous conselleiros na inauguración dunha liña de tren.

A contención no gasto baixo o mantra da suposta “austeridade” que terían provocado anteriores gobernos co seu desbaldo. Ese é un dos argumentos preferidos de Alberto Núñez Feijóo durante os catro anos e medio que leva á fronte da Xunta de Galiza. Con el intenta xustificar os duros recortes e a falta de investimentos dos que se lle acusa desde a esquerda. O seu goberno deféndese coa suposta importancia que ten “o control do déficit e o aforro”, pero algo non cadra segundo acaban de volver a demostrar contas oficiais. O último informe sobre débeda pública -concepto distinto de déficit- emitido polo Banco de España o venres sinala que a da Xunta creceu un 28% no último ano e que xa alcanza case os 9.500 millóns de euros, duplicando así a que se atopou Feijóo ao acceder a San Caetano no primeiro trimestre de 2009. 

"No último ano a débeda aumentou en 2.111 millóns, de 7.381 aos 9.492 actuais. E iso a pesar dos recortes en servizos sociais e persoal". 

O lastre que pode estar a deixar o PP de cara ao futuro sen que se lle coñeza maior investimento produtivo ou intención de reducir a débeda mediante a suba de ingresos cunha fiscalidade progresiva foi denunciada pola oposición, de forma vehemente durante a campaña electoral. O informe do -por outra banda moi discutido- Banco de España pode servir de apoio con datos concretos para ese discurso. Dende a Xunta aseguran que a débeda comezará agora a baixar -falan de 1,2 puntos a finais de ano- pero os números remarcan que no último ano aumentou en 2.111 millóns, de 7.381 aos 9.492 actuais. E iso a pesar dos recortes en servizos sociais e persoal. 

A evolución e aínda máis marcada se se toma como referencia o exercicio de 2009, o último que se lle pode adxudicar ao goberno bipartito. Daquela a débeda da Xunta estaba cifrada en 4.842 millóns, polo que Feijóo a multiplicou por dous en pouco máis dunha lexislatura, números que poden ser xa maiores agora mesmo posto que o informe do Banco de España fai referencia ao primeiro trimestre de 2013 e xa está a piques de rematar o segundo. Segundo os datos a nivel estatal, Euskadi e Navarra foron as que menos se endebedaron neste último período, sendo estas precisamente as dúas comunidades que contan cunha fiscalidade propia. 

Comentarios