As contas de Bárcenas en Suiza reabren o caso Gurtel, trama con ramificacións no PP galego

O escándalo das contas do extesoureiro do PP Luis Bárcenas en Suiza, con 22 millóns de euros, volve poñer en primeiro plano o caso Gurtel, unha trama que salferiu, e non pouco, o PP galego a través de Pablo Crespo, número 2 da rede de corrupción e terceiro de a bordo dos populares galegos na época de Fraga e Cuíña
Pablo Crespo na súa étapa de número 3 do PP galego
photo_camera Pablo Crespo na súa étapa de número 3 do PP galego

A investigación aberta sobre as contas que o extesoureiro e exsenador do PP, Luis Bárcenas, posuía en Suiza con 22 millóns de euros volve sacar á superficie o caso Gurtel, unha trama de corrupción vencellada a altos cargos do Partido Popular e que tivo ramificacións en Valencia, Madrid e tamén, e non poucas, en Galiza. Cómpre lembrar que o número 2 desta trama foi Pablo Crespo, quen levaba a cociña do PP galego como secretario de organización nos tempos de Fraga e Cuíña. Mais Gurtel salferiu tamén o PP post-Fraga, como se ten sinalado en investigacións e informes policiais.

En 2010 coñecíase a través de informacións desveladas na prensa que a empresa SWAT SL, vencellada á trama Gurtel, fora a responsábel da marca Feijo09 da campaña electoral autonómica, na que esta firma foi proveedora destacada. Mais isto é un simple exemplo máis dunha complexa rede que Gurtel, e Pablo Crespo, tiñan en Galiza.

Portos de Galiza, "consulado da Gurtel"

Así, o xefe de contabilidade de Portos de Galiza, V. Lago, estivo societariamente conectado con Pablo Crespo a través dunha empresa ubicada no paraíso fiscal de Illa de Nevis. Crespo foi membro do consello de Portos de Galiza, ente presidido daquela polo actual alcalde, e tamén do PP, da Coruña, Carlos Negreira. Entre 1999 e 2005 Portos adxudicou sete contratos a Constructora Hispánica, cuxo expresidente estivo imputado no caso Gurtel. O propio Partido Socialista chegara a cualificar Portos de Galiza como "consulado da Gurtel" no noso país á vista das "evidencias" das relacións entre o organismo autonómico e a trama corrupta.

Mais non só Portos. En 2001 a Consellería de Agricultura pagou máis de 156.000 euros á empresa Special Events (punta do iceberg de Gurtel) por un estudo do que non houbo constancia algunha que se fixera. O departamento autonómico estaba presidido por Diz Guedes, amigo persoal de Pablo Crespo desde a época de militancia conxunta nas fileiras populares de Pontevedra.

Mesmo o secretario xeral para o deporte da Xunta, Lete Lasa, como recollen informacións da época, asinou 2 contratos cunha empresa, Diseño Asimétrico, que estaba implicada na trama Gurtel na comunidade de Madrid.

Diñeiro negro para as campañas do PP galego

Un informe da Unidade Central de Delictos Económicos e Financeiros (UDEF) da Policía Nacional, e que se incluíu no sumario de Gurtel, sinalaba que con 3,2 millóns de euros de diñeiro negro se pagaron campañas electorais do PP galego entre abril de 1996 e setembro de 1999.

A comezos de 2012, Pablo Crespo saiu de prisión tras pagar unha fianza de 100.000 euros

Comentarios