Unha morea de acontecementos desde que Sermos Galiza está na rede

Desde o nacemento da edición dixital de Sermos Galiza no mes de abril de 2012 moitos foron os acontecementos que seguimos no noso país. Eis aqui algúns deles a modo de lembranza de parte do traballo da redacción deste xornal.

Non sabemos como será o 2013 mais si como foi o ano 2012 a nivel informativo. As decisións dos gobernos de Rajoy e Feijóo e a súa contestación na rúa, a fraude das preferentes, as relacións de "amizade" entre o PP e algunha empresa privada, o rescate bancario, a suba de impostos, a folga xeral e as eleccións do 21-O protagonizaron unha boa parte das páxinas dixitais do noso, voso, medio de comunicación.


Preferentes

A fraude das preferentes mobilizou este ano milleiros de afectad@s. Sermos Galiza realizou, desde o principio, unha ampla cobertura da resposta política e social a un problema que padecen entre 70.000 e 100.000 persoas. Este ano creáronse varias plataformas que levaron a súa indignación á rúa en Tomiño, A Coruña, Cangas, Pontevedra, Moaña, Lugo ou Compostela, esta última cunha grande participación e un acto na Praza do Obradoiro.

A resposta política do goberno de Rajoy, que recoñece que a actuación dos bancos foi de "engano"  d@s clientes, foi aprobar unha norma pola cal se impón a quita para as persoas afectadas pola estafa. As persoas afectadas pola venda deste produto financeiro de natureza fraudulenta, verían retribuído só parte do diñeiro investido e non antes de catro ou seis anos. A pasividade do goberno de Feijóo tivo na oposición. O BNG mantivo reunións coas persoas afectadas en varios concellos galegos, presionou no Parlamento e mesmo levou o tema a Bruxelas. A postura nacionalista de apoio @s afectad@s, nos últimos meses, tamén estivo na participación en manifestacións, protestas e ocupación de oficinas bancarias.

A finais de maio Carlos Varela, fiscal superior da Galiza, informou que preparaba unha demanda civil de acción colectiva contra Novagalicia Banco (NGB) pola posíbel existencia de “cláusulas abusivas” nos contratos das participacións preferentes. Esta entidade concentra a maior parte de denuncias no tema das preferentes. Esta demanda civil de acción colectiva presentouse no mes de xullo con contratos que afectan a máis de 43.000 clientes desa entidade financeira.

Constituído o novo Parlamento galego, en que recunca Feijóo como presidente, os ánimos d@s afectad@s polo calote das preferentes levan a interromper unha sesión parlamentar. Pilar Rojo, presidenta desta institución, propón unha investigación e o PP continúa a defender a súa actuación neste tema. @s afectad@s quéixanse de que antes das eleccións do 21-O entrasen pola volta de vinte casos e agora se reducisen a tres. Segundo argumentan quedan unhas 90 mil persoas que terían que renunciar ao 40% do diñeiro e mercar accións non cotizantes da entidade que lles vendeu as participacións, segundo a última proposta do goberno do PP.

Os peches en oficinas e outras accións, como a folga de fame de afectad@s en Ferrolterra, continúan e a previsión é que o 2013 sexa un ano en que aumenten as protestas. 

Eulen, a empresa máis rendíbel a da irmá de Feijóo

Unha das primeiras exclusivas de Sermos Galiza foi descubrir que unha empresa vencellada ao PP monopoliza a xestión de centros culturais. A concesión da xestión do Teatro Colón da Coruña por parte da deputación provincial ao Grupo Eulen, que se formalizará o 27 de abril, tirou luz sobre os vínculos deste grupo empresarial, centrado en servizos de mantemento, seguridade e limpeza, co Partido Popular. A xestión do Colón non é a única adxudicación a Eulen no campo da cultura nos últimos tempos en Galiza. Días atrás o concello de Ferrol entregáballe a xestión dos equipamentos culturais da cidade, incluído o Teatro Jofre.

Sermos Galiza denunciou que a empresa Eulen, vencellada ao PP, monopoliza a xestión de centros culturais. 

Esta empresa é a mesma que o deputado do BNG Carlos Aymerich sinalara en 2009 como un factor chave para entender a adxudicación da xestión dos centros do día no novo goberno do PP. Eulen parte dunha empresa de limpeza fundada en Bilbao en 1962 polo leonés David Álvarez Díez e é hoxe unha multinacional con presenza en América Latina, Estados Unidos e Portugal. Unha alta porcentaxe da facturación de Eulen vén dada polas administracións públicas -gobernadas por distintas cores políticas-, aínda que é inegábel que as relacións deste grupo empresaria co Partido Popular trascenden a presenza dunha familiar do presidente da Xunta, á súa Micaela Núñez Feijóo. Ademais o ex-presidente José María Aznar -xunto a Mayor Oreja e o presidente de Castela-León, Juan Vicente Herrera- foron convidados á voda de María José Álvarez, filla do dono do Grupo Eulen, celebrada en xullo de 2008.

Rescate bancario e creación do banco malo

Unha das medidas que Madrid tentou aprazar o máximo chegou no mes de xuño e o Estado español pediu o rescate bancario á UE. A crise das entidades financeiras non Estado español e a proximidade das eleccións gregas fixeron que @s ministr@s de Economía e Finanzas da Zona Euro acordasen que o goberno de Madrid solicitase o rescate, cunha cantidade destinada a sanear o sistema bancario español de até 100.000 millóns de euros. De Guindos négase a falar de rescate e afirma que é só "un empréstito, en condicións moi favorábeis". Esta medida pon en evidencia as afirmacións do propio Mariano Rajoy que días antes asegurase con rotundidade que "non haberá ningún rescate da banca española”. A prensa internacional tamén tratou a decisión como un rescate e a resposta social e política na Galiza foi de oposición por parte de partidos e entidades sociais e sindicais, a excepción do PP. A "outra cara" desta achega económica que recibirán os bancos é o control por parte da UE da economía do Estado español. 

No mes de agosto o consello de ministr@s aprobou unha nova reforma financeira (a terceira nos meses de mandato de Rajoy e a quinta nestes últimos anos), que se vai concretar na constitución do 'banco malo' e en dar poderes ao FROB para liquidar entidades que considere inviábeis. O propio PP recoñece que esta era a reforma que se pedía desde Bruxelas para abrir a billa das axudas de 100.000 millóns de euros para sanear a banca española. O 'banco malo' comprará os activos inmobiliarios "danados" ás entidades a un prezo "adecuado" e terá unha duración de entre 10 e 15 anos. O capital do 'banco malo' virá do FROB (que o obterá da achega de Bruxelas) e de investimentos privados. Mais gran parte da financiación será con débeda. O tamaño deste banco dependerá de cales van ser as entidades axudadas e do valor dos activos.

Folga xeral e mobilizacións da clase traballadora coa creación, ademáis da Alianza Social Galega

A política de recortes que aplica o PP no goberno español e na propia Xunta de Galiza provocou multitude de protestas en todos os ámbitos. Sermos Galiza fixo un seguimento polo miúdo de todas e cada unha delas desde o mes de abril en que comezamos coa información do 1 de maio e a celebración do Día Internacional da Clase Traballadora. Ese día a CIG mobilizou a máis de 60.000 manifestantes, coa concentración máis multitudinárea en Vigo onde participaron 35.000 persoas.

O sector público mantivo as mobilizacións ao longo de todo o verán con concentracións semanais nas cidades galegas. En outubro sindicatos e movementos sociais únense nunha “Alianza Social Galega” contra a política de recortes do PP. A Alianza Social Galega quere fortalecer unidade de acción que caracterizou os últimos procesos mobilizadores, unha das súas propostas foi a convocatoria dunha folga xeral en novembro. Días despois os sindicatos anunciaron a folga xeral para o 14 de novembro. Ese día Sermos Galiza tamén foi á folga aínda que informou do seu desenvolvemento en todo o país, no resto do Estado español e noutros países de Europa. O éxito desa xornada reivindicativa foi evidente como demostran as numerosas imaxes que publicamos.

Recortes e reformas

As medidas de recortes e reformas adoptadas estes meses polo PP tiveron un presenza constante no noso xornal. Unha delas foi a reforma laboral aprobada polo Congreso d@s deputad@s o 28 de xuño e que entrou en vigor o 7 de xullo. A nova lei estabelece que poderán acollerse a despedimentos obxectivos por causas económicas (20 días por ano traballado) as empresas cando estean "nunha situación económica negativa". Tamén estabelece que a indemnización por despedimento improcedente (nos contratos indefinidos) é de 33 días por ano traballado e un máximo de 24 mensualidades. No caso de despedimento procedente, será 20 días por ano cun máximo de 12 mensualidades. Sindicatos e partidos políticos levaban meses denunciando a política de recortes do PP e rexeitaron esta medida ademais de pedir a súa derrogación inmediata. 

Unha das medidas máis protestadas foi o chamado "re-pagamento" sanitario. O goberno de Rajoy deixaba fóra da atención sanitaria as persoas inmigrantes que non teñen regularizada a súa situación, excluía tamén as persoas maiores de 26 anos que non contribuísen ás arcas da Seguridade Social e introducía o re-pagamento dos medicamentos, medida que afecta fundamentalmente a pensionistas e enferm@s crónic@s. De novo a rúa foi o escenario da protesta.

Unha das medidas máis protestadas foi o chamado "re-pagamento" sanitario

O maior paquete de recortes anunciouno Mariano Rajoy o 11 de xullo. En materia de desemprego @s nov@s perpector@s a partir do sexo mes cobrarán só o 50% da prestación e para o funcionariado elimínase a paga extra de decembro. Na administración local, o presidente do executivo central anunciou unha serie de medidas dirixidas a aforrar 3.500 millóns de euros na administración local. Ese mesmo día a oposición pediu explicacións a Feijóo por estas medidas.

No ensino os recortes aplicados polo goberno galego tiveron a súa resposta na mobilización de estudantes e profesorado, a través da Plataforma en Defensa do Ensino Público da Galiza e sindicatos, con que abrimos moitos días a nosa edición dixital. O 19 de decembro cidades e vilas do país acolleron concentracións e mobilizacións convocadas por esta plataforma para rexeitaren as políticas antisociais do PP e demandaren "outra saída" da crise.

Outra das decisións polémicas do goberno de Rajoy foi a suba de impostos, algo que negara en campaña electoral. O IVE subiu a partir do 1 de setembro, unha data "operativa" segundo o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro. A suba do tipo xeral foi desde o 18 até o 21%, e do reducido --aplicado á hostelaría-- desde o 8 até o 10%. Días despois do incremento o pequeno e mediano comercio constatou os resultados negativos da medida. 

Eleccións 21-O

Sermos Galiza seguiu as eleccións ao parlamento galego, despois do seu anuncio no mes de agosto, desde un mes antes da súa celebración, o 21 de outubro. Vídeos, entrevistas, reportaxes, infografías, galerías de imaxes e microseccións, como unha contracrónica do desenvolvemento da precampaña e a campaña, cunha sección en destaque. Sondaxes, entrevistas aos candidatos, denuncias, datos, opinión... e a voz do propio electorado.

Comentarios