''Non ten sentido unha política penal vingativa porque ETA desapareceu e non mata''

Joseba Azkarraga foi conselleiro de Xustiza no Goberno vasco. Após a prohibición da manifestación de Tantaz Tanta por parte da Audiencia Nacional española, foi el quen rexistrou a título individual a solicitude que desembocou na maré de Bilbo. 

Azkarraga2
photo_camera Joseba Azkarraga


((Entrevista traducida do euskera ao galego e realizada antes de que a iniciativa Tantaz Tanta (Pinga a pinga) fora prohibida pola Audiencia Nacional española))

Que sensación lle xeraron os pasos dados nos últimos tempos polo colectivo de pres@s e ex-pres@s? 
Para min foi unha especie de continuación da boa sensación que me creou a decisión tomada por ETA hai dous anos. De calquera maneira, non se pode pór toda a carga nun só lado. A ETA e aos presos esíxese que dean máis pasos namentres a outra parte fai o contrario, como vimos coa operación en contra dos avogados. Parece que a algúns lles preocupa a desaparición total de ETA.

"Non se pode pór toda a carga nun só lado. A ETA e aos presos esíxese que dean máis pasos namentres a outra parte fai o contrario, como vimos coa operación en contra dos avogados"

A partir de agora que pasos deberían dar os distintos axentes?
No caso dos presos, deberían abordar canto antes o proceso que anunciaron e solicitar individualmente a aplicación da Lei Orgánica Xeral Penal. No caso de ETA, os próximos pasos son a disolución e a entrega das armas. Porén, é certo que para iso necesita ter en fronte a alguén que verifique dita entrega, e o Goberno non está disposto a iso. En todo caso, ETA debería seguir dando pasos aínda que sexan unilaterais. Por outra banda, ao Goberno vasco hai que pedirlle que non mire só a un dos dous lados e que tamén esixa un cambio na política penal ao Goberno de España.

Precisamente, Urkullu e Rajoy teñen previsto reunirse.
Si, mais hai que ver canto tempo pasou desde que se solicitou a reunión. Aí vese cal é a vontade o Goberno español. Está cómodo e non ten ningunha présa. Ante iso, a sociedade debe mobilizarse e dicir 'até aquí chegamos'. 

"O Goberno español está cómodo e non ten ningunha présa"

Tendo en conta a actitude do Goberno español, canto tempo pasará antes de que se apliquen medidas para mellorar a situación d@s pres@s?
Falar de prazos é unha lotaría. En todo caso, deben darse tres pasos. En primeiro lugar, terminar coa dispersión. En segundo, a excarceración dos presos enfermos; ninguén esqueceu o caso Galindo --ex garda civil condenado pola tortura e asasinato de Lasa e Zabala e excarcerado en 2004 por enfermidade--. E, por último, a lei di que tamén deben saír á rúa quen cumprise tres cuartas parte da condena. Cos presos que quedan, se hai vontade, sempre hai fórmulas para arranxar as cousas, igual que as houbo no 77.

O Goberno vasco está a deseñar o programa 'Hitzeman'. Que características debería ter? 
Gostaría de lembrar o que levei a cabo sendo senador no 82, que se fixo sobre todo para os presos da VIII Asemblea de ETA [político-militar] e para os Autónomos [refírese á extinta organización CAA, Comando Autónomos Anticapitalistas]. Aí non se pediu ningún tipo de arrepentimento ou de colaboración, non foi máis que unha aposta nas canles políticas e a xente foi saíndo aos poucos mediante indultos.

"Un plan de reinserción deberá ir excarcerando presos mediante indultos ou porque cumpriron o tres cuartas partes da condena. A razón pola que entraron en prisión xa non existe"

Un plan de reinserción deberá tirar por aí: ir excarcerando presos mediante indultos ou porque cumpriron o tres cuartas partes da condena. A razón pola que entraron en prisión xa non existe. ETA desapareceu e non mata. En calquera recuncho do mundo onde houbera un conflito armado, o final dese conflito chegou mediante un acordo negociado entre as dúas partes, agás aquí. E iso é pechar o conflito en falso.

A moit@s pres@s quedan moitos anos de condena. Que solución prevé para el@s?
Hai que buscar unha solución porque o problema xa non existe. Mentres que unha das dúas partes desapareceu, o Goberno ten á xente secuestrada no cárcere. Iso debería estar solucionado no prazo de dous ou tres anos.

Dous ou tres anos? Os delitos seguen aí; as leis tamén.
Mais tamén está aí a capacidade do goberno. Por exemplo para dar indultos.

O goberno está completamente quieto.
Por iso debe moverse a sociedade vasca. Neste momento non falamos dun conflito político. Falamos de dereitos humanos. Non ten sentido seguir cunha política penal vingativa despois dos pasos que se deron. É o momento da sociedade.

E o momento dos partidos políticos vascos?
Son bastante escéptico respecto do que fagan os partidos políticos. Creo que isto está en mans dos movementos sociais e da xente. Do mesmo xeito que estamos a ver que pasa en Cataluña coa consulta, no noso caso tamén é a sociedade quen debe provocar o movemento dos partidos para buscar unha solución definitiva.

Comentarios