Euskal Herria realiza este domingo a primeira consulta popular sobre a súa independencia

Este domingo Etxarri-Aranatz realiza un referendo para que @s veciñ@s se expresen sobre a independencia vasca. A votación decorrerá tras meses dunha campaña popular na que se implicaron os movementos sociais e colectivos desta vila navarra.

Topagunea_2006_Etxarri_Aranatz

'Quere ser cidadán/cidadá dunha Euskal Herria independente?'. Esta é a pregunta que este domingo, 13 de abril, poderán responder nas urnas todos e todas as habitantes de Etxarri-Aranatz que así o desexen e teñan máis de 16 anos de idade.

A votación decorrerá na Praza de Etxarri, estando as urnas abertas de nove da mañá a oito da tarde. Para poder exercer o dereito hai que presentar o EHNA (carné vasco), DNI, Pasaporte ou carné de conducir. Se nese documento non figura como domicilio Etxarri, hai que presentar certificado de empadronamento. A organización mesmo dispuxo procedementos para o voto anticipado.

“Decidir nós, desde nós, sobre nós e para nós”

A consulta está organizada e convocada por unha plataforma veciñal, A13 (Apirilak 13), para “profundizarmos nos valores propios dunha democracia, na convivencia entre a veciñanza e na participación da cidadanía e a dignificación da opinión dos cidadáns”. Etxarri-Aranatz vai ser o primeiro concello vasco que se pronunciará sobre a independencia a través dunha consulta popular, seguindo así o ronsel que concellos cataláns activaran hai uns anos e que tiveron importancia no impulso do proceso soberanista.

Etxarri-Aranatz é un pequeno concello no norte de Nafarroa, a uns 40 km de Iruña. Con apenas 2.500 habitantes, esta vila euskalduna e gobernada porBildu (a esquerda abertzale tivo o 64% dos votos e posúe 7 concelleiros por 3 de Nafarroa Bai e 1 do PP) vai ser a primeira de Euskal Herria en realizar unha consulta popular pola independencia.

Comentarios