Pachi Vázquez promete empregos para a mocidade con salarios de 500€ e por menos de cinco meses

Os 25.000 empregos para a mocidade que promete o PSdeG co seu Plan de emprego xuvenil, crearíanse a través de bolsas contrato con remuneracións por baixo do Salario Mínimo Interprofesional. O orzamento asignado ao Plan non permite que as contratacións cheguen a cinco meses de duración.
Pachi Vázquez e Rubalcaba en Cerceda
photo_camera Pachi Vázquez e Rubalcaba en Cerceda

O candidato do PSdeG estivo acompañado a primeira xornada de campaña polo ex ministro de Zapatero e agora cabeza de lista pola Coruña, Francisco Caamaño, xunto ao cal Pachi Vázquez sinalou que a súa “principal preocupación e eixe de campaña será o paro, xa que esa é a grande preocupación d@s galeg@s, pero Feijóo prefire non abordar o asunto”. 

Nesa liña, o socialista prometeu aos máis novos “esperanza” a través dun Plan de emprego xuvenil (PEX) co que o PSdeG afirma crearán 25.000 postos de traballo na primeira lexislatura. Eses empregos crearíanse a través de bolsas contrato, destinadas a mozas e mozos con formación profesional, con remuneracións de 500 euros ao mes, por baixo do salario mínimo interprofesional.

Aliás, as cifras limitan o alcance real dunha das promesas estrelas da recén iniciada campaña. Dividindo os 60 millóns de euros ao ano que @s socialistas se comprometen a destinar ao PEX, entre os 25.000 beneficiari@s sinalados, obtense un total de apenas 2.400€ por moza ou mozo. Polo que coa remuneración mensual de 500€ a contratación nun chegaría nin aos cinco meses de duración.

O PSdeG sube o tono da campaña cun ultimato a Feijóo sobre os contratos con PEMEX

Asemade, Pachi Vázquez, subiu o seu ton de campaña ao exixir de Feijóo que faga público o contrato con Pemex, “ou se non falarei dese tema sempre cun cualificativo que non vou desvelar porque déixolle 24 horas”. “Cando alguén fai trampas ten que estar preparado para que se lle designe dese modo”, engadiu enigmático o líder socialista.

En declaracións aos medios o primeiro día da campaña tras reunirse con profesores e alumnos da facultade de INEF en Oleiros e antes de presentar o bus de campaña, rodeado de diversos lemas baixo fondo vermello, Pachi Vázquez, insistiu en que “Feijóo dixo en Madrid que deu orde para ensinar o contrato, pero segue sen facerse público. Non pode presidir este país unha persoa que nos engana”.

Rubalcaba pincha na súa aterraxe

O líder español do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, visitou Galiza no primeiro día de campaña para apoiar ao candidato Pachi Vázquez até en tres actos, no entanto a súa presenza tivo un impacto significativo xa que nin sequera se encheu o recinto que acolleu o mitin en Cerceda, onde gobernan. Rubalcaba acusou de "mentiroso" a Feijóo e denunciou que agocha as siglas do PP. O secretario xeral do PSOE participará este sábado noutros dous actos de campaña en Galiza, desta volta en Viveiro e Ferrol.

Comentarios