Pachi Vázquez intenta mobilizar o seu partido "contra a resignación"

O candidato socialista reuniu onte ao seu comité electoral e pide ánimo á vez que se ofrece “para liderar o cambio”.

Manuel, Pachi, Vázquez, candidato do PSOE á presidencia da Xunta de Galicia, reuniuse este xoves co seu comité electoral antes do inicio de campaña, onde segundo diversas fontes solicitou a plena mobilización da militancia, que en boa parte pasa por momentos de división e decaemento, e pediu enfrontarse “aos recortes e á resignación”.

O líder d@s socialistas galeg@s -que abriu campaña en Vigo, onde teñen depositadas moitas das súas esperanzas electorais- compareceu en rolda de prensa xunto aos primeir@s de lista de cada provincia e afirmou que “o PSdeG é a única forza política que pode liderar o cambio en Galicia porque temos a ilusión, forza, ganas e vontade de pilotar este cambio cunha maioría de progreso”. Así, pediu o voto “a todos aqueles que aposten por cambiar o sufrimento polo crecemento económico”.

“Defendemos un goberno que non minta, que non engane masivamente como fixo Feijóo no caso dos contratos de Pemex, da auditoría das caixas, e dos recortes en pensións, sanidade e educación. Apoiar ao PP é apoiar os recortes de prestacións de desemprego, é apoiar os recortes ás becas dos estudantes. Os pensionistas que apoien ao PP estarán apoiando os recortes de pensións e pagar os seus medicamentos”, proclamou Pachi Vázquez.

Ademais, o candidato socialista -que contará en campaña cunha importante presenza do seu líder a nivel español, Alfredo Pérez Rubalcaba- apostou por unha campaña “limpa, de propostas e de diálogo coas persoas, escoitando as súas demandas, tentando solucionar os seus problemas e explicándolles como queremos conquistar un futuro distinto para Galicia”.

Por último, o líder do PSOE en Galiza falou da viaxe de Feijóo nun jet privado dun millonario en Uruguai. “Eu só podo dicir que eu fun de Bos Aires a Montevideo en liña regular e clase turista, pero estou seguro de que el dará unha explicación”, afirmou.

Comentarios