O soberanismo apunta o BNG como opción o 21-O

Un portavoz de Causa Galiza publica en twitter unha mensaxe en que sinala o BNG como a “mellor opción electoral para o soberanismo” no obxectivo de “botar a Feijóo”. Este domingo Causa Galiza celebrará o seu Plenario nacional onde podería aprobarse unha resolución no mesmo sentido.
Chío de Aurelio Lopes no Twitter
photo_camera Chío de Aurelio Lopes no Twitter


“Desde posicións soberanistas, co obxectivo de botar a Feijóo, votar o BNG é a mellor opción electoral, sobretodo en Lugo e Ourense” A mensaxe, publicada na rede social twitter é de Aurelio Lópes, membro da portavocía nacional de Causa Galiza, plataforma independentista que este domingo celebrará o seu primeiro Plenario Nacional.

Nese encontro, segundo puido saber Sermos Galiza, podería aprobarse unha resolución en que apuntarían dun xeito bastante claro, mais se cadra non explícito, cara ao BNG como opción que cómpre apoiar nos comicios do vindeiro 21-O.

Esta posición, ao abeiro das propostas nitidamente soberanistas sostidas no Bloque tras a Asemblea de Amio, sucédese despois do comunicado publicado hai varias semanas pola Dirección Nacional de NÓS-Unidade Popular. Comunicado en que despois de explicar as causas polas cales non presentaban candidatura de seu deixaban entrever que o BNG sería aos seu ver a opción menos mala, referindose á candidatura frontista como "“a única que representa un proxecto galego fronte o sucursalismo do resto”. Asemade, a organización independentista rexeitou pedir a abstención e mesmo aseguraba que a “derrota de Feijóo sería unha boa nova”.

Comentarios