O BNG chamará a "facerlles fronte" aos recortes e a quen os promove o 21-O

“Para facerlles fronte: gobernemos nós a nosa terra” será o lema da organización nacionalista, que celebrará a súa Convención nacional este domingo en Compostela cando vén de cumrpir o seu trinta aniversario.
Montse Prado presentando o lema e imaxe de campaña do BNG
photo_camera Montse Prado presentando o lema e imaxe de campaña do BNG

Na mesma data en que se cumpren 30 anos da súa asemblea fundacional na Coruña, o BNG presentou a súa imaxe de campaña de cara ás eleccións galegas do 21 de outubro, que xirará baixo o lema de “Para facerlles fronte: gobernemos nós a nosa terra”. A encargada da presentación foi a secretaria de Organización, Montse Prado, que tamén fixo referencia á convención que @s nacionalistas celebrarán este domingo ás 12.00 da mañá no pazo de congresos, en Compostela, onde esperan volver xuntar milleiros de persoas arredor do seu candidato, Francisco Jorquera.

Durante a comparecencia de prensa, Prado salientou que “o BNG presenta un candidato como Jorquera que destaca pola súa naturalidade e por ser resolutivo e auténtico, dialogante coa cidadanía”. Así mesmo, a tamén candidata número tres pola circunscrición de Pontevedra, comparou a campaña do Bloque coa do PP. “Nós poñemos o logo do BNG en primeiro termo, non agochamos as siglas como fai Núñez Feijóo coas do Partido Popular”, dixo en referencia aos intentos do candidato da dereita de desligarse das polémicas medidas que está a tomar o seu partido desde o goberno de Madrid, chegando ao punto de xa ter evitado coincidir con Rajoy nun acto de campaña.

O lema de campaña do BNG, despois de varios meses de precampaña baixo a fórmula “En Bloque Podemos”, foi explicado pola secretaria de Organización como un xeito de “expresar que o BNG plántalle cara a quen non se presentan ás eleccións, aos que toman as decisións na sombra, para facerlles fronte aos gobernos que fan o que lle mandan os poderosos, a quen eliminan dereitos sociais e laborais e a quen queren que Galiza non decida”. Nese sentido, remarcou a aposta propiamente galega que defende a súa formación nesta chamada ás urnas: “É preciso que gobernemos nós a nosa terra porque é preciso termos soberanía”.

Respecto ao xesto de lanzamento que suporá o acto electoral do domingo, que tamén servirá para celebrar o trixésimo aniversario do Bloque, Prado asegurou que “terá unha parte lúdica e festiva e outra para a presentación de propostas e do equipo do BNG, conformado por 95 candidatos e candidatas”. A organización nacionalista espera encher por completo o pazo de congresos, tal e como lograra na anterior convención celebrada o pasado 13 de maio, á que acudiron unhas 2.500 persoas.

Comentarios