O BNG acusa o PP de "abandonar o sector pesqueiro"

Guillerme Vázquez e Carlos Aymerich visitaron Conxemar, onde defenderon que “para potenciar a nosa pesca é necesario que Galiza teña a capacidade de decidir”.
 
Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich e Carme Adán en Conxemar
photo_camera Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich e Carme Adán en Conxemar

O BNG, por medio do seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, e o o número 1 pola circunscrición de Pontevedra, Carlos Aymerich, visitou a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados -Conxemar- que se celebra en Vigo. Alí os representantes nacionalistas acusaron os gobernos do PP, tanto o de Feijóo como o de Rajoy, de “abandonar o sector pesqueiro”.

“Non se pode desenvolver e xerar emprego na pesca con medidas como as que toma o PP, coa subida do IVE ou a inacción perante o acordo entre a Unión Europea e Mauritania que deixa fóra de xogo á frota cefalopodeira galega”, afirmou Guillerme, que tamén lamentou que “se golpea o sector ao eliminar a etiquetaxe en orixe dos produtos conserveiros”. “Por iso é necesario un cambio de rumbo como o que propón o BNG”, concluíu o portavoz da formación nacionalista.

Pola súa banda, Aymerich asegurou que “para apostar pola pesca galega é necesario que Galiza teña capacidade de decidir”. “Por exemplo, Alaska decide nese sector por si propia e certifica a orixe dos produtos, sen estar ás ordes de Washington, o que demostra que non estamos a dicir nada estraño”, explicou.

Doutra banda, nun almorzo informativo en Pontevedra, o propio Aymerich afirmou que “regalar as caixas galegas ás grandes corporacións bancarias é unha das 'fazañas' de Feijóo”. O candidato do BNG engadiu que “o PP quere sanear o balance dos bancos, mais non sanear os balances das persoas, no momento en que en Galiza existen unhas 3.000 familias que foron desposuídas da súa vivenda”.

O que foi deputado nas últimas dúas lexislaturas no Hórreo tamén falou sobre a competencia con outras forzas, afirmando que “se pode votar á dereita directamente ou indirectamente, xa que hai opcións que non van entrar no Parlamento por non acadar o cinco por cento dos votos, como esixe unha lei que por certo o Bloque quere cambiar”.

Comentarios