Jorquera afirma que en Galiza, como en Portugal, é posíbel plantar cara aos recortes

O candidato nacionalista defende que “é posíbel o cambio real que Galiza precisa”. Jorquera acusou a Rajoy de vir “tomar o pelo aos galeg@s” e reclamou a Feijóo que deixe de meter medo co nacionalismo xa que “o que dá medo son as súas políticas”.
Francisco Jorquera a piques de iniciar a súa intervención.
photo_camera Francisco Jorquera a piques de iniciar a súa intervención.


Nunha xornada de traballo con candidat@s e cargos do BNG, coa cal a organización quenta motores cara á campaña do 21-O, Francisco Jorquera afirmou que “Galiza precisa un cambio real”. Un cambio que o candidato xulga posíbel “porque é posíbel plantar cara aos recrotes e facelos recuar como acaba de demostrar o pobo portugués” clamou. A fórmula para o lograr pasaría por combinar a “loita na rúa” e a “defensa de políticas alternativas como as do BNG”.

No acto estivo acompañado polo Portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, as Secretarias de organización e comunicación, Montse Prado e Carme Adán, e máis o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich. Na súa intervención, Jorquera asegurou que o que precisa o país é un “goberno que faga de dique de contención” fronte ás políticas de Feijóo e Rajoy.

Duras críticas a Rajoy e Feijóo

O candidato nacionalista referiuse á vista do Presidente do goberno español a Galiza, nun acto en Ourense en que non estivo presente Feijóo. “Rajoy veu tomar o pelo aos galegos e ás galegas, veu a vender fume” acusou Jorquera, quen contrapuxo a mensaxe do lider popular a realidade palpábel dos “113.000 parad@s máis desde a chegada de Feijóo á Xunta, @s máis de 60.000 moz@s que tiveron que emigrar, as 3.000 explotación gandeiras e os 5.000 comercios que botaron o peche”.

Jorquera: "Nós non somos os separatistas, son eles os separadores"

Dirixiuse tamén a Feijóo reclamandolle que deixe de “meter medo co nacionalismo, cando o único que dá medo aquí son as súas políticas” e volvendo instar o candidato popular a que aclare se pactará ou non con Mario Conde. Jorquera botou man dunha cita de Castelao para desmontar as acusacións de Feijóo afirmando que “nós non somos separatistas, son eles os separadores”. Recriminou ao PP actuar como “separador” cando “nega o dereito básico a poder vivir dun traballo na propia terra” ou ao “recentralizar o ensino”.

Francisco Jorquera tivo tamén unha mención ao papel da militancia do BNG, que cualificou como “o principal capital” da fronte nacionalista pola súa entrega e compromiso.

Comentarios