Compromiso por Galicia presenta o seu programa electoral

A formación que lidera Xoán Bascuas presenta o seu programa cara ao 21-O no que aposta polo “emprendemento e o emprego”

Compromiso por Galicia fixo público o seu programa electoral, de cuxa redacción final se encargaron Xulia Guntín, Manuel González e Henrique Monteagudo. O candidato da formación, Xoán Bascuas, afirmou que “a prioridade será impulsar a creación do emprego a través dun cambio de modelo produtivo”.

Ao fío do programa en materia económica, Manuel González asegurou: “Apostamos firmemente polo emprendemento, especialmente entre os máis novos. Non podemos permitir que toda a inversión en capital humano que se desenvolveu nos últimos anos sexa agora pasto da emigración”. Así, avanzou que “para a reactivación da economía é preciso poñela ao dispor do coñecemento e por iso unha das primeiras medidas de CxG sería a unificación de todas as políticas de innovación e coñecemento nunha soa institución, a Axencia Galega de Ciencia e Innovación”. “Destinaremos 200 millóns de euros á promoción de enerxías renovábeis e o aforro enerxético, especialmente en inversións públicas, ao entender que é un campo no que se pode crear emprego”, engadiu o membro de Compromiso.

Pola súa parte, Monteagudo, defendeu un “estado plurinacional que brinde maiores cotas de autogoberno como aval para unha maior defensa dos intereses de Galicia”.”Resulta inaceptable a redución de deputados, defendemos unha reforma do sistema electoral que sexa garante dunha auténtica representación dos cidadáns, e tamén a supresión das deputacións provinciais”, dixo.

Por último, Xulia Guntín declarou que “malia ás restricións económicas hai marxe para unha ambiciosa política social, que fai necesario un modelo fiscal que garanta a educación pública e consiga unha maior eficiencia no gasto público”.

Comentarios