Caamaño suxire que "Feijóo mestura política con negocios"

O candidato do PSOE pola Coruña pide explicacións polas concesións da Xunta á empresa da irmá do líder do PP. Pachi Vázquez amosouse convencido de que, malia ás enquisas, serán quen de mobilizar o electorado indeciso.
Francisco Caamaño
photo_camera Francisco Caamaño, onte na Coruña.

O cabeza de lista pola provincia da Coruña polo PSOE, o ex-ministro Francisco Caamaño, asegurou na Coruña durante un acto sobre servizos sociais que “Feijóo debe saber que non convén mesturar a política cos negocios”. Fixo alusión así ao repunte das informacións relativas á adxudicación por parte de Xunta de contratos á empresa da irmá de Feijóo -Eulen- por un importe de 1,4 millóns de euros, boa parte deles sen concurso público. 

Caamaño cualificou os datos como “inquietantes” e reclamou unha resposta do candidato do PP, do que dixo agardar “que dea explicacións”, e insistiu: “Espero que non faga como os contratos de Pemex”. “Quero que non volva ocultarnos cousas, como xogar co de Pemex, do que aínda non sabemos nada malia que dixo que o ía amosar todo, espero que non vaia pasar o mesmo que coa auditoría a favor da fusión das caixas galegas que tampouco vimos. Esa non é a forma de gobernar, nin de ser coherente”, engadiu.

O candidato socialista pola Coruña sinalou que hai noticias que sorprenden en relación a Feijóo “porque por exemplo, paseou nun avión privado dun millonario, cando el criticaba doutros situacións semellantes”.

Pachi Vázquez quere mobilizar indecisos

Pola súa banda, o candidato á presidencia da Xunta do PSOE, Pachi Vázquez, fixo un inciso na preparación do seu debate con Feijóo e atendeu as cámaras dunha emisora de televisión estatal, onde amosou de novo a súa aposta por conseguir o voto das persoas que aínda non o teñen decidido. “Hai un 40% de indecisos. Moitos deles estanse decantando polo PSOE así que temos moita esperanza nun bo resultado”, dixo.

En relación á crise, o líder socialista fixo fincapé en que con Feijóo a débeda de Galiza multiplicouse por dous e que o desemprego na comunidade está entre os máis altos do estado. Por iso, dixo defender que “a crise débena pagar os que máis teñen, non espremendo as familias ou recortando pensións”. Pachi tamén defendeu a dimisión do alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, malia a crer na súa “inocencia”.

Comentarios