A baza electoral de Feijóo na diáspora, unha “burla á galeguidade”

Centros galegos, casas de Galiza, asociacións e sociedades galegas na Suíza rexeitan o proxecto de lei de galeguidade presentado por Feijóo porque din “mercantiliza” o seu espírito orixinal.
Feijóo nun acto de precampaña en Bos Aires
photo_camera Feijóo nun acto de precampaña en Bos Aires

Na súa viaxe a América do Sur o candidato a presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometía ás e aos asistentes aprobar a nova lei de galeguidade --que ficara pendente após convocárense eleccións para outubro--. A norma, que foi ratificada polo Consello da Xunta, estaba a piques de ser presentada no Parlamento galego e xa fora exposta no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas no exterior celebrado en Compostela o pasado mes de xuño.

Con esta proposta --introducida xa en campaña por Feijóo como promesa electoral-- o Partido Popular recupera un dos aspectos da era Fraga, iso si, con maior valor económico. O anteproxecto de lei elaborado polo executivo galego ten por obxecto, segundo o presidente, “reforzar a orientación económica das comunidades galegas”, actualizar e regular a participación daquelas creadas durante os últimos trinta anos, pular pola participación da mocidade e as mulleres e promover a “unión e fusión” destas a prol dun “traballo máis cooperativo”, aseguraba Núñez Feijóo.

“Unha burla ao espírito da galeguidade”

Denuncian que lei proposta por Feijóo incorpora criterios “económicos” en troca dos “lazos con Galiza, a súa xente, a súa historia, a súa lingua”

Neste sentido, diversos Centros Galegos amosaron o seu rexeitamento á proposición de lei, por entenderen que promove a “mercantilización do espírito da galeguidade”. Nunha nota de prensa feita pública polos colectivos afincados na Suíza, consideran que o proxecto presentado pola Xunta como definitivo --xa en maio deste ano-- “burla” os principios da anterior lei --aprobada durante o goberno de Fraga-- ao engadir os criterios “económicos” en troca dos “lazos con Galiza, a súa xente, a súa historia, a súa lingua” para poder ser considerada unha Comunidade Galega. Así, a norma presentada polo goberno de Núñez Feijóo recoñece como tal as entidades que desenvolvan unicamente labores de protección, instrución e recreo (artigo 6) “sen importarlle que defendan ou non a cultura, historia, lingua, artes e cultura galegas”, denuncian na Asociación Cultural Galega A Roda (Suíza).

Doutra banda, diversos colectivos opuxéronse a que a nova lei, recoñeza a galeguidade como Centro Colaborador a “calquera asociación que teña unha sección diferenciada de galegos” (artigo 11.4) e o seu dereito a recibiren subvencións da administración galega; pois calquera centro podería acceder a elas, mesmo se non foron creadas por persoas do país.

Perante as discrepancias co anteproxecto de lei achegado pola Xunta de Galiza, a comunidade galega en Suíza decidiu elaborar unha outra proposta alternativa e propia que permita abrir un debate a respecto da posíbel reforma.

Pachi Vázquez promete o mesmo na Arxentina

Na súa viaxe preelectoral a Bos Aires o candidato socialista á presidencia da Xunta prometeu tamén aprobar unha Lei de galeguidade “máis realista, en relación coas necesidades e demandas de hoxe en día”, porén, que ao igual que a proposta pola Xunta de Núñez Feijóo, pule pola “economía no exterior”.

Comentarios