A Xunta poxa 510 baixos comerciais e prazas de garaxe: así podes participar

As persoas ofertantes deberán acreditar a consignación, ao dispor do IGVS, dunha garantía provisional por importe de 3% do valor base da venda do inmóbel que soliciten ou o 3% do valor da renda anual, en caso de aluguer.

Vehículos estacionados nun garaxe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vehículos estacionados nun garaxe. (Foto: Nós Diario)

O Diario Oficial da Galiza publicou esta terza feira a resolución pola que se sacan a poxa, mediante un concurso público, até 510 baixos comerciais e prazas de garaxe que son propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Precisamente a vicepresidenta segunda en funcións e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciara xa esta pasada segunda feira a poxa, informando de que estes inmóbeis están situados en localidades de toda Galiza, e a eles poderase optar mediante compra ou alugueiro.

Segundo o DOG, para poder formar parte da poxa, as persoas ofertantes deberán acreditar a consignación, ao dispor do IGVS, dunha garantía provisional por importe de 3% do valor base da venda do inmóbel que soliciten ou o 3% do valor da renda anual, en caso de aluguer.

O obxectivo desta iniciativa, dixo Vázquez, é "revivir as zonas, pero tamén unha opción naquelas vivendas públicas nas que as ordenanzas municipais exixen construír dúas prazas de garaxe por cada vivenda", polo que "o 50% desas prazas de garaxe agora saen a concurso, pois tamén unha modalidade, neste caso, de aluguer, de forma preferente, cando están en edificacións de vivenda pública", onde o aluguer "é por sete anos, que pode ser renovado anualmente, en función do que determine a persoa que opte por esta posibilidade".

Comentarios