Será Altri o Pemex de Rueda?

As iniciativas en materia industrial máis ambiciosas do Goberno de Feixoo foron o desembarco de Pemex no capital do estaleiro de Barreras e o impulso a unha fábrica de viscosa promovida por Altri. A primeira delas rematou nun gran fracaso e a segunda está no aire á espera das axudas públicas dos 'Next Generation'.

O CEO de Altri José Soares, con Alberto Núñez Feixoo e Miguel Corgos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O CEO de Altri, José Soares, con Alberto Núñez Feixoo e Miguel Corgos. (Foto: Nós Diario)

Durante os anos de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta da Galiza agudizouse a crise industrial do país. Así, entre 2008 e 2021 o valor xerado polas manufacturas galegas reduciuse en perto de 8%, mentres o sector manufactureiro alemán incrementou o seu valor engadido bruto en 29%. Ao tempo, a Galiza perdeu nos últimos 14 anos 33.555 empregos no sector industrial, pasando de 154.860 ocupados en decembro de 2008 a 121.305 na actualidade. Neste sentido, a profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval sinala a Nós Diario que "a Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008".

A produción industrial, por baixo de 2008

A produción industrial está moi por baixo das cifras de 2008, non conseguindo recuperar en ningún dos exercicios os niveis anteriores á crise. Neste sentido, no relatorio  A economía galega. Informe 2019/2020 signifícase que "a produción industrial en 2019, que como indicamos foi inferior  á de 2018, distaba aínda moito de alcanzar a lograda  na  primeira década deste século. Así, mentres o valor medio do Índice de Produción Industrial (IPI) xeral en 2007 (base 2015) era 140,1, en 2019 era 105,1; cunha diferenza de 35 puntos que reflicte unha preocupante caída na actividade industrial".

O caso Pemex

A compra do estaleiro de Barreras, en Vigo, por Petróleos de México (Pemex) en novembro de 2013 foi presentada por Feixoo como a grande oportunidade para dinamizar a construción naval na Galiza. O contrato de venda, negociado directamente por Feixoo cos directivos de Pemex, recollía a construción en Vigo de varios buques ‘off shore’, barcos de abastecemento, atuneiros e mesmo un proxecto para se instalar na Punta Langosteira, na Coruña.

A operación, formalizada en 5,1 millóns de euros e na referida carga de traballo, abriu a porta a unha crise aínda máis fonda da compañía, atopándose actualmente inmerso o cadro de persoal nun duro conflito laboral pola continuidade do emprego. As últimas páxinas do capítulo Pemex aínda están por escribir. O director da compañía, Emilio Lozoya Austin, con quen Feixoo negociou directamente a venda do estaleiro vigués, atópase actualmente no cárcere implicado en diversas causas de corrupción e a compra de Pemex é obxecto de investigación por parte da xustiza mexicana. A este respecto, o 17 de febreiro de 2020, o prestixioso xornal El Universal destacou que "o ex director de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra".

As dúbidas sobrea fábrica de Altri

As dúbidas pairan agora sobre a fábrica de viscosa téxtil anunciada para Palas de Rei. O proxecto, anunciado como prioritario por Núñez Feixoo desde que coñeceu o alcance dos fondos Next Generation, depende para a súa instalación das axudas públicas. Neste sentido, os responsábeis de Altri, o grupo portugués que lidera a iniciativa, sinalaron que a súa localización na Galiza depende de que as achegas estatais a cargo dos Next Generation se sitúen en 250 millóns de euros, isto é, aproximadamente, 30% do investimento de 800 millóns de euros previstos para a súa factoría galega.

Especialistas consultados por Nós Diario cuestionan o encaixe do proxecto nas liñas de axudas recollidas dentro do programa Next Generation. A este respecto, o profesor da USC e especialista en programas comunitarios Diego Sande Veiga advertiu nun artigo publicado en Nós Diario de que a proposta de Altri "nos actuais Perte [Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica] unicamente tería cabida no dedicado á economía circular. Mais o significado da economía circular transcende o obxecto deste proxecto, xa que esta consiste nun modelo de produción e consumo que implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar materiais e produtos existentes todas as veces que sexa posíbel para crear un valor engadido".

O Perte da economía circular

A economista da USC María do Carme García Negro dubida, tamén, do proxecto. Nesta liña, lembra a Nós Diario que, “aínda convencendo o Goberno do Estado da idoneidade do proxecto Altri para ser incluído no Perte de economía circular, hai dúas pexas que semellan insalvabeis": primeiro, o proxecto da pasteira inicialmente non cumpre os requisitos estabelecidos no citado programa e, en segundo lugar, o programa enteiro está orzado cun total de 492 millóns de euros a repartir en todo o Estado.

O silencio de Rueda

Rueda garda medido silencio sobre este proxecto. Se cadra porque sabe das súas debilidades pero tamén das súas fortalezas para atacar o PSOE e o Goberno do Estado no caso de non saír adiante. De fracasar o proxecto, o PP podería recorrer, como fixo en anteriores casos, ao discurso da marxinación da Galiza.

Comentarios