A Xunta autoriza o parque eólico Mondigo, que situará os primeiros aeroxeradores en Ribadeo

Terá doce muíños cunha potencia instalada de 45,6 MW e está promovido por unha sociedade pertencente á división de renovábeis do Banco Sabadell.

Na Galiza hai 4.000 aeroxeradores eólicos en funcionamento. (Foto: Pedro Sala)
photo_camera Na Galiza hai máis 4.000 aeroxeradores eólicos xa operativos. (Foto: Pedro Salas)

Até 159.158 megawatts por hora producirá cada ano o parque eólico Mondigo, o equivalente ao consumo eléctrico anual duns 48.000 fogares —Rede Eléctrica estima unha media de 3,2 MWh/ano por fogar—. A dirección xeral de Planificación Enerxética da Xunta vén de concederlle a autorización administrativa previa e de construción nunha resolución datada do 20 de decembro e publicada no DOG esta mesma quinta feira.

Detrás deste proxecto atópase Esus Energía Renovable S.L., propiedade de Sinia Renovables, a división de enerxías 'verdes' do Banco Sabadell. Para coñecer a súa orixe hai que remontarse ao concurso eólico de 2010, do que Esus saíu beneficiada con 45 MW asignados.

O Consello da Xunta aprobouno definitivamente en setembro de 2014, se ben non se chegou a executar e máis dun lustro despois, en febreiro de 2021, a compañía iniciou a retramitación propoñendo modificacións de calado na proposta, inicialmente pensada para 15 turbinas cunha potencia de 3 MW, pasando a empregar outras de 3,8 MW que permitiron reducir finalmente a 12 as máquinas.

O proxecto final autorizado por Planificación Enerxética —paso previo a obter o visto bo do Goberno galego— prevé construír, pois, 12 aeroxeradores duns 180 metros de altura total entre os municipios de Trabada e Ribadeo —catro deles neste último concello, até o de agora carente de muíños— cunha potencia instalada de 45,6 MW. A empresa prevé un investimento duns 27,6 millóns de euros.

Segundo figura na declaración de impacto ambiental (DIA) relativa a este parque eólico, os núcleos de poboación máis próximos ás turbinas fican a menos dun quilómetro de distancia: O Val das Eguas (517 metros), A Abaira (530 m) e Trástigos (600 m). Aliás, dúas rutas do Camiño de Santiago do Norte discorren moi próximas a estas futuras instalacións, pois o aeroxerador máis próximo á ruta situada ao norte ficaría a 1,5 quilómetros; a do sur, a 800 metros.

Así mesmo, a dirección xeral de Patrimonio Cultural dá conta neste documento da afección ás mámoas da necrópole das Pallaregas, a escasos metros do lugar polo que pasarían as gabias de cableado, polo que condicionou a aprobación do proxecto a unha modificación deste punto. Porén, considera compatíbel o impacto dos eólicos sobre este e outros elementos patrimoniais catalogados neste emprazamento.

Comentarios