A Xunta admite que o plano industrial de Ferroatlántica non garante a "continuidade da actividade"

Cimeira do presidente da Xunta e o conselleiro de Industria cos alcaldes da Costa da Morte afectados polos planos do Grupo Villar Mir. A mensaxe do goberno galego é que en 15 días haberá un ditame dos servizos xurídicos sobre a pretensión do empresario, isto é, sobre a segregación das centrais hidroeléctricas. O conselleiro Francisco Conde admite, iso si, que o plano industrial apresentado por Ferroatlántica non oferece "ningún tipo de garantía" sobre a "continuidade da actividade".

 

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reunirase cos alcaldes da Costa da Morte. 
foto xon crespo
19/05/17
photo_camera Un momento da reunión [Foto Xunta]

A tese oficial de Monte Pío é que este é un asunto puramente técnico, ou sexa, que se podería autorizar a segregación se a oferta de Ferroatlántica cumpre os requisitos legais. Nese sentido, o conselleiro de Industria dixo días atrás que na resolución do expediente non influiría o feito de o dono e o principal executivo do grupo -Juan Miguel Villar Mir e Javier López Madrid, respectivamente- estaren imputados na Operación Lezo, unha trama de presunto financiamento irregular do PP.

Feijóo e Conde transmitiron aos alcaldes esta idea na reunión que mantiveron con eles esta sexta feira en San Caetano. Mais no encontro introduciuse un matiz non menor por parte do conselleiro: o plano industrial apresentado por Ferroatlántica non dá suficientes garantías de a "actividade" se manter na Costa da Morte. A este aspecto aferráronse naturalmente os alcaldes, e aferraranse a bon seguro os traballadores, para manteren a súa oposición aos planos da empresa.

O ditame xurídico da Xunta sobre a proposta de Ferroatlántica estará pronto nun prazo de quince días, informaron Feijóo e Conde os alcaldes.

A oposición política no Parlamento galego critica a focaxe administrativista co que a Xunta está a tratar este asunto. Non se trataría dun tema xurídico, senón netamente político, sosteñen. O envolvimento de Villar Mir e López Madrid nas pesquisas xudiciais e policiais sobre o financiamento fraudulento do PP ten aumentado enormemente a presión sobre Feijóo. De autorizar os planos da empresa, choverían sobre el as acusacións de En Marea, PSdeG e BNG sobre a pretensa devolución dos favores emprestados por Villar Mir (quen xa aparecía nos papeis de Bárcenas) ao partido no goberno.

Comentarios