Xapón advirte do esgotamento das provisións de gas natural licuado

Qatar asina coa China a venda de GNL até 2050, o contrato máis longo da historia.
Camión distribuidor de produtos de Hijos de Rivera (Estrella Galicia) con caixas de Coca-Cola no seu interior (Foto: Jose Luis Rodríguez).
photo_camera Buque estacionado na terminal de GNL de Reganosa, en Mugardos (Foto: Europa Press).

O Xapón, principal importador de gas natural licuado (GNL) durante este ano, advertiu esta segunda feira nun reporte do Ministerio de Comercio que os contratos de entregas a longo prazo a comezar antes de 2026 están "esgotados", o que intensificará a competencia por este hidrocarburo.

Isto significa que os Estados ou empresas que queiran negociar asegurar as entregas de subministracións a longo prazo en contratos que comecen a curto terían moi complicado acceder ao beneplácito dos provedores, o que implicaría unha maior competencia polo acceso ao recurso coa súa consecuente suba nos mercados globais. 

No documento destácase que o prognóstico desta tendencia débese á falta de investimento polo lado da oferta, tal vez influenciado, como no caso do petróleo, na expectativa de rebaixar a produción e os seus custos derivados ao tempo que se incrementa o prezo.

Así mesmo, os autores do informe estiman que, en caso dun corte total das entregas rusas de gas á Unión Europea (UE), o mundo podería enfrontarse a unha escaseza de 7,6 millóns de toneladas de GNL para xaneiro de 2025, mesma cifra que as importacións mensuais do Xapón.

A situación podería empeorar, dado que haberá "poucas novas entregas", mentres os importadores tratarán de garantir a súa seguridade enerxética coas importacións de GNL desde Qatar e os Estados Unidos de América (EUA), subliñan especialistas económicos de Bloomberg

De ser certo o prognóstico nipón sobre os contratos a longo prazo, importadores e compañías enerxéticas volveríanse máis dependentes do mercado en man, aquel que se negocia en cada momento, que, por unha parte, é máis volátil, e por outra, ten actualmente prezos case tres veces máis altos que os fixados nas entregas a futuros. As compras globais en man xa alcanzaron 30% en 2021.

China e Qatar asinan o contrato de subministración de GNL máis longo da historia

Neste contexto, a China vén de asinar esta segunda feira o contrato de subministración de GNL máis longo da historia, até 2050, coa empresa estatal qatarí QatarEnergy, reportou Reuters.

Comentarios