A competición para evitar o gas natural ruso pon en risco os obxectivos climáticos

Moscova duplicaría as súas exportacións mundiais en 2030 grazas ao exceso de oferta a nivel global que está provocando o intento dos países occidentais de substituír a toda présa as importacións de gas natural ruso, facendo case imposíbel o cumprimento do obxectivo de limitar a 1.5ºC a alza na temperatura global en 2100.
"Non hai xustiza climática sen dereitos humanos", berraron onte en Sharm El-Sheikh (Exipto) activistas polos dereitos civís e o clima. (Foto: Gehad Hamdy / dpa)
photo_camera "Non hai xustiza climática sen dereitos humanos", berraron onte en Sharm El-Sheikh (Exipto) activistas polos dereitos civís e o clima. (Foto: Gehad Hamdy / dpa)

O intento da Unión Europea (UE) e dos países da Organización do Tratado do Atlántico Norte de substituír as importacións de gas natural ruso, no marco da invasión a Ucraína, ao tempo que se producía unha diminución da subministración do país eslavo que chegou ao seu cénit co ataque aos gasodutos Nord Stream que o unían con Alemaña, “ameaza agora o límite de quecemento de 1,5ºC”, desvela unha análise do consorcio de investigación científica Climate Action Tracker.

Este estudo foi feito público esta quinta feira na COP27, a Conferencia sobre o Cambio Climático da Organización das Nacións Unidas (ONU) que está a decorrer na cidade exipcia de Sharm El-Sheikh, e avalía todos os proxectos de gas natural licuado en construción, aprobados e propostos entre 2021 e 2050. Este aumento absorbería arredor de 10% de todos os gases de efecto invernadoiro que se poden emitir antes de que limitar a alza da temperatura a 1,5ºC a final de século -como se aprobou na COP21- sexa imposíbel.

O gas natural licuado ten unha maior pegada de carbono que o desprazado por gasoduto, pois para poder transportalo -principalmente por vía marítima- require ser arrefriado a -169ºC para manterse líquido, e, unha vez no lugar de destino, ser sometido a un proceso de regasificación.

O exceso de oferta de gas natural licuado que está a provocar esta situación estímase en 500 megatoneladas en 2030, cinco veces máis que as exportacións de gas natural rusas á UE en 2021, acabando por “duplicar as exportacións mundiais de Rusia”.

Bill Hare, director executivo de Climate Analytics, unha das organizacións integradas no consorcio, subliñou que “a crise enerxética apoderouse da crise climática”, advertindo que os proxectos de gas natural licuado en marcha “superan con creces o necesario para substituír o gas ruso”. Asemade, reiterou que “aumentar a nosa dependencia do gas fósil non pode ser a solución para as crises climáticas e enerxéticas actuais”.

De feito, o informe destaca que tendo en conta as políticas en marcha a suba de temperatura a final de século en comparación coa era pre industrial será de 2,7ºC, 1,2º por riba do límite antes de que as transformacións climáticas sexan irreversíbeis.

Malia aos debates na COP27, “as emisións globais en 2030 seguirán sendo o dobre do que deberían”, sostivo o profesor Niklas Höhne, do NewClimate Institute, que fixo fincapé en que aínda sen superar os obxectivos da COP21 xa se puido comprobar como “2022 foi un ano de estragos climáticos”.

Compensacións

As conversas en Exipto sobre “perdas e danos xa comezaron”, sinalou esta quinta feira o representante especial para a Presidencia da COP27, Wael Aboulmagd, que confiou nun “resultado significativo”.

A pesar disto, tanto a UE como os Estados Unidos (EUA), os principais responsábeis da contaminación acumulada desde 1850, continúan negándose a que haxa un fondo específico para as reparacións, que iría destinado principalmente a países en vías de desenvolvemento, os que máis están a sufrir o seu impacto.

Neste sentido, a proposta estadounidense nesta cuestión é precisamente o que a ONU definiu como branqueamento ecolóxico das súas empresas, evitando contribuír axeitadamente á loita contra o cambio climático.

A ONU exixe a Exipto que libere a Alaa Abdel Fattah

Grupos de dereitos humanos denuncian durante a COP27 a situación en Exipto, tras producirse 151 detencións de activistas que tiñan previsto pedir a liberación dos presos políticos. O caso máis urxente é o de Alaa Abdel Fattah, que podería morrer nas próximas horas, indicou o comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, tras deixar de beber o domingo pasado e pasar máis de 200 días en folga de fame. Desde 2006 foi detido en varias ocasións.

Comentarios