Vigo acapara 60% do gasto das cidades galegas en luces de Nadal

Vigo e Ourense son as cidades que máis cartos invisten en luces e adornos de Nadal.
Luces de Nadal iluminan a rúa Príncipe de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Luces de Nadal iluminan a rúa Príncipe de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A cidade de Vigo, un ano máis, sitúase á cabeza do gasto na iluminación das rúas durante a campaña do Nadal, cun investimento superior aos 2,37 millóns –aos que hai que sumar outras partidas para outros elementos decorativos, actividades e instalacións de lecer–, o que supón catro veces máis que o que gasta a seguinte cidade galega nesta lista, que é Ourense, cunha partida de case 600.000 euros.

De aquí a 2027, a cidade olívica gastará, de media uns oito euros por habitante.

11 millóns de luces led

Vigo adxudicou o contrato das luces que adornarán as rúas en Nadal –con 11 millóns de led– por case 9,5 millóns de euros, para catro anos. A formalización deste contrato coa empresa andaluza Ximénez realizouse a mediados de outubro, o que motivou que a instalación dos adornos comezase máis tarde que outros anos, cando en agosto ou setembro os operarios xa estaban a colocar os adornos polas rúas da cidade.

Como cada ano, o gran abeto de luz e música da Porta do Sol será un dos principais atractivos do Nadal vigués e escenario do acto de acendido, que terá lugar o 24 de novembro ás 20.30 horas. Unha árbore que, segundo proclamou o alcalde, Abel Caballero, alcanzará unha altura de 44 metros, e será "a máis importante do mundo" e "da historia da Humanidade".

1.700 elementos decorativos

A cidade de Ourense sitúase segunda no que respecta a investimento en iluminación do Nadal, cunha partida de case 600.000 euros e a instalación de 1.700 elementos decorativos. O acto de prendido de luces está previsto para o 1 de decembro, igual que en case todas as demais cidades.

Ximénez tamén será a empresa encargada un ano máis de instalar a iluminación do Nadal na Coruña. O Concello licitou este servizo en 2020 por algo máis de 1,4 millóns para tres anos, o contrato prorrogouse para este Nadal 2023-2024, cun custo de case 470.000 euros.

A capital da Galiza, Santiago de Compostela, adxudicou a súa iluminación do Nadal por case 215.000 euros, mentres que o investimento en Ferrol é duns 153.757 euros, licitados dentro dun contrato bienal que ascende a 332.600 euros, e inclúe a iluminación de Entroido tamén para dous anos.

Lugo decidiu este ano prorrogar o contrato das festas pasadas, que ascende a 153.670 euros, ademais duns 41.000 euros da montaxe das casetas do mercado do Nadal. A súa iluminación contará con máis de 770 elementos decorativos e con preto dun millón de luces microled. As luces acenderanse na cidade amurallada o 1 de decembro.

Pola súa parte, Pontevedra investirá uns 140.000 euros na iluminación. Fontes do Goberno municipal da cidade do Lérez subliñaron que esta cifra é similar á de anos anteriores e que o seu obxectivo é celebrar un Nadal "familiar". "A priori, non se pretende que sexa máis que para os pontevedreses e as súas familias, que poidan pasar no municipio as festas", reivindicaron.

Así, instalarase un mercado de Nadal na Ferrería como en anos anteriores, mentres que o espazo infantil estará na contorna da Alameda. Ademais, levarán a cabo actividades en todos os centros culturais do concello, que son máis de 30.

Rendemento económico

O 'tirón' da iluminación do Nadal como atractivo turístico creceu exponencialmente nos últimos anos, especialmente grazas á campaña que se fai desde o Concello de Vigo, aínda que tamén noutras cidades.

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, asegura que, con carácter xeral, todas as grandes cidades teñen "boas expectativas" de ocupación durante as semanas que dura o Nadal, coa cidade olívica nun posto destacado.

Comentarios