Roi Cuba, presidente de ADEGA
Coa chegada do Nadal amplifícanse os múltiples estímulos publicitarios que recibimos con frecuencia. A publicidade busca alterar o noso comportamento para entrar na roda da sociedade de consumo, creando en nós a necesidade de mercar. Ademais dos estímulos habituais, incorpóranse ás rúas outras decoracións que nos atraen aos grandes centros de consumo. Achégannos con luces de Nadal ou árbores cada vez máis grandes, nunha absurda competición de dispendio no que o máximo expoñente en Galiza é a cidade de Vigo. Cun Goberno local que cada vez é mais inconsciente e irresponsable, nun contexto de emerxencia climática global e tal e como está afectando as necesidades de enerxía ao noso territorio mediante a implantación masiva de macroproxectos eólicos.
Intoxicados polas luces artificiais, preto do solsticio de inverno cando son as noites máis longas do ano, acudimos aos reclamos das tendas e centros comerciais. Alí é moi probable que nos deixemos levar e adquiramos obxectos que nos parezan ser bos agasallos, ou moi éxoticos, ou que están a bo prezo, ou que necesitamos telos. Imos chegar a casa con agasallos que non lle serán útiles á outra persoa, que non son ambientalmente sostibles, que non podemos permitirnos economicamente e que non necesitamos.
Fronte a este animal consumidor que desata capitalismo, compre ter un pensamento crítico. Habitualmente non somos conscientes do ciclo de vida dos produtos. De onde veñen os materiais con que están feitos? Seguramente a minería no seu lugar de orixe provoque un dano ambiental e a exclusión social dos seus habitantes. Que procesos de transformación son necesarios para a súa produción? As industrias transformadoras posiblemente provoquen contaminación, alto consumo de enerxía e o abaratamento dos costes dea poucas garantías para as traballadoras. Cantos quilómetros percorrerá ata chegar ao seu destino? Todos os combustibles fósiles necesarios para transportar, tanto as mercadorías como a nós mesmos dende e ata os lugares de consumo.
E dentro duns anos, ou incluso meses, cando nos cansemos do produto como imos xestionar o residuo? Se o tiramos a un colector o destino máis probable en Galiza é As Encrobas, lonxe da nosa casa onde será incinerado na en SOGAMA. Son poucos os materiais que se reutilizan ou reciclan, e unha parte dos residuos poden chegar a desprazarse polo mundo ata rematar nun vertedoiro onde cause contaminación e enfermidades para as persoas. Por iso é fundamental saber que é o que realmente necesitamos. Cada ano dende a ADEGA, achegamos unha serie de consellos para un Nadal mais ecolóxico.
Recomendámosche facer agasallos que fagas ti mesmo, comprados en comercios locais ou tendas de segunda man.Se queres ter unha árbore de Nadal na túa casa, non a cortes nunca, podes elaborala con material reciclado. Para as túas comidas, compra o que necesites local e de tempada. e busca o xeito de aproveitar o que sobra. Podes reducir o uso da enerxía desprazandote a pé ou usando o transporte público, e decorando a túa casa substituíndo as luces por outros adornos máis orixinais.
En definitiva, podemos desfrutar das festas coa familia e as amizades sen tanta algarabía de luces nen dispendio de recursos. Darlle as costas ao consumismo e que as nosas celebracións non contribúan a deteriorar o planeta.
Eduardo Abad, presidente UPTA
Acampaña de Nadal onómicos representa, practicamente, o 30% das vendas de todo o ano para o pequeno comercio. Non só para o pequeno comercio, senón tamén representa unha facturación aproximada do 20% para a hostalería. Isto quere dicir que a campaña de nadal é unha peza importantísima para que miles de autónomos galegos e do resto do Estado poidan desenvolver a súa actividade económica cuns resultados positivos, polo menos, nas datas do Nadal.
Evidentemente, en todo este tema temos que dicir que os autónomos, sobre todo, os autónomos de servizos, os que venden produtos de consumo aos consumidores no sentido directo, é dicir, todo o que é alimentación, agasallos, xoguetería, ou perfumería xóganse moito. Todo o que ten que ver co que se xera arredor destas festas non só é importante desde o punto de vista económico, senón que é importante para curar un pouco as feridas que traen de atrás. Posto que o pequeno comercio, como todo o mundo sabe, arrastra unha situación complexa e complicada.
Trátase dunha data propicia para que os nosos pequenos negocios, o comercio das nosas cidades e pobos poidan recuperarse da grave situación que están padecendo nos últimos tempos. Isto, que é tan importante para nós, tamén, o ten que ser para o conxunto da sociedade, que debe ter como obxectivo por encima de todo que a economía circular sexa un feito real.
O Nadal non debe de ser ademais un Nadal no que o consumidor consuma nas grandes superficies e, sobre todo, nas empresas de venda de produtos por Internet. Refírome as grandes empresas e ao e commerce para evitar unha baixa na facturación dos nosos negocios, algo que é fundamental para nós pero, tamén, para toda a sociedade se queremos ter unhas cidades e vilas vivas, onde as rúas non sexan unicamente asfalto e ladrillo.
Temos que consumir tamén responsablemente e o que se xera economicamente nunha cidade, nunha aldea, debe de xerarse de forma circular, é dicir, todas as compras, as vendas que se realizan cando se fan no pequeno comercio, nos pequenos establecementos, no comercio local, no comercio do barrio, no restaurante da nosa cidade, en definitiva o que fai é xerar riqueza na contorna máis próxima.
Todo o que sexa mercar fóra, é dicir, mercar por Internet, sobre todo, a empresas que viven en paraísos fiscais ou que teñen a miles de quilómetros as súas sedes fiscais, ao final o que fai é romper a economía circular e polo tanto que o diñeiro que se xera marche a miles de quilómetros sen que isto teña unha rendibilidade global sobre a cidadanía, sobre o pobo e sobre os recursos, tan necesarios nas contornas máis próximas.
O Nadal é unha época de festa, e reencontros sendo para grande parte dos cidadáns. Estamos nun tempo onde os nosos pobos e cidades presentan unha sorte de mutación desde o puntos de vista estético, no cal xoga un papel importante toda a iluminación do período do Nadal como un elemento chave de dinamización social. Neste sentido, esa forma de celebrar o Nadal parécenas oportuna.
Entendemos que resulta oportuno conciliar a sustentabilidade medioambiental co exceso de gasto de enerxía que se produce nestas datas, reclamando dos concellos que a iluminación que se poña cumpra cuns requisitos respectuosos co posta en valor do mmedio.