A venda de turismos e furgonetas de ocasión volve caer na Galiza en novembro, até os 10.051 vehículos

Con respecto aos datos acumulados, de xaneiro a novembro, na Galiza vendéronse 114.069 vehículos de segunda man, o que supón unha suba de 1,94 % con respecto ao mesmo período do ano pasado.
Vehículos de ocasión en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vehículos de ocasión en Vigo. (Foto: Europa Press)

O mes de novembro fechou na Galiza cunha caída de 11,38% (con respecto ao mesmo mes de 2022) na venda de turismos e furgonetas de ocasión, até os 10.051 vehículos, segundo os datos feitos públicos pola Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos (Ancove).

Así, no undécimo mes do ano, as vendas de turismos de segunda man baixaron case 12%, con 8.654 transaccións, mentres que as de furgonetas sufriron un descenso de 8,27%, con 1.397 operacións.

Datos acumulados

Con respecto aos datos acumulados, de xaneiro a novembro, na Galiza vendéronse 114.069 vehículos de segunda man, o que supón unha suba de 1,94% con respecto ao mesmo período do ano pasado.

No mercado estatal, os once primeiros meses do ano deixan un crecemento de 3,2% na venda de vehículos de ocasión (turismos máis vehículos comerciais), con algo máis de dous millóns de unidades transferidas.

No mes de novembro vendéronse 195.081 vehículos de ocasión (167.995 turismos e 27.086 furgonetas), 0,6 % menos.

Con respecto ás idades dos vehículos, os turismos e furgonetas de máis de 10 anos copan 55,8% do mercado de segunda man; e no que respecta ás motorizacións dos turismos, a nivel estatal volveron a crecer as transferencias de coches eléctricos (17% en novembro), do mesmo modo que tamén crecen os híbridos enchufábeis. Con todo, os modelos de combustión (diésel e gasolina) aínda suman case 82% do mercado de ocasión.

Comentarios